Novos Medios da USC deseña un titor virtual para axudar a quen busque traballo fóra

xoves, 31 de xullo do 2014 Redacción

O grupo de investigación Novos Medios (Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago), e o IFFE Business School están a desenvolver unha ferramenta de asesoramento docente especialmente dirixida a quen ande á procura de traballo fóra da nosa terra e precise asesoramento de utilidade. Trátase dun titor virtual multimedia de xestión intelixente da comunicación, WorkerTutor. En palabras dos seus responsábeis, este recurso “nace co obxectivo de favorecer a promoción e a inserción laboral dos emigrantes españois residentes en Alemaña, Francia, Reino Unido e Suíza”.
O desenvolvemento contou cun equipo integrado por oito profesionais e con financiamento do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Goberno de España. WorkerTutor ofrece aos seus usuarios todo tipo de asesoramento en materia laboral: dende como deben comportarse de modo axeitado nunha entrevista de traballo no estranxeiro até como redactar unha correcta carta de motivación ou mesmo un currículo de éxito. Ademais, informan, “a través de WorkerTutor pode accederse a todo tipo de información relativa ao marco xurídico e legal de cada un dos países que conforman o proxecto”.
As persoas interesadas en acceder aos servizos que fornece WorkerTutor deben rexistrarse previamente como usuarios na páxina web específica da ferramenta, cubrir un breve formulario e engadir o seu currículo. Un especialista en recursos humanos porase en contacto, na máxima brevidade posible, co usuario/a interesado/a para solucionar as súas dúbidas e ofrecerlle asesoramento profesional.
“A gran novidade deste sistema nun panorama como o actual no que proliferan os portais de emprego”, explican os desenvolvedores deste recurso, “reside na gran relevancia que se lle outorga ao asesoramento”. Ao fío disto, salientan que WorkerTutor “non é un simple buscador de ofertas”, senón que tamén, e por riba de todo, “centra os seus esforzos en garantir que os emigrantes españois sigan os pasos axeitados para obter un bo emprego e sexan capaces de expoñer todo o seu potencial durante ese arduo proceso”. O titor multimedia WokerTutor tamén conta cun blog de seu no que se actualiza a realidade do mercado laboral en Alemaña, Francia, Reino Unido e Suíza, ademais de completar a súa tarefa de asesoramento a través dos seus perfís en Facebook, Twitter, Linkedin e Google Plus.

PUBLICIDADE