Novos produtos FE de Samsung

martes, 3 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Dende hai un tempo o fabricante surcoreano Samsung comercializa versións económicas dos seus produtos insignia, as chamadas Fan Edition (FE), e aínda que o principal produto desta liña era o smartphone da serie S, desta volta decidiron presentar de vez tamén un par de tabletas e uns auriculares, todos co sufixo FE, como unha alternativa competente, pero cun prezo máis axustado, aos produtos estrela da marca.

O Samsung Galaxy S23 FE vén a ser un smartphone cunah pantalla Dynamic AMOLED 2X de 6,4 polgadas, un procesador de 8 núcleos, 8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno, cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles (e un teleobxectivo óptico de 3x e 8 Mpíxeles), cámara frontal de 10 Mpíxeles, batería de 4.500 mAh con carga rápida de 25 watts por cable e Fast Wireless Charging 2.0, 5G, Wi-Fi 6E, Bluetoth 5.3 e mesmo resistencia á auga e ao po IP68, deixando claro que estamos ante un smartphone moi completo, que nos EE.UU. sairá á venda a un prezo que partirá dos 599 dólares (a información sobre o lanzamento en España aínda non se coñece).

As tabletas que presentou Samsung serían as Galaxy Tab S9 FE e S9 FE+, sendo a máis modesta a FE, cunha pantalla de 10,9 polgadas, 6/8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento, cámara traseira de 8 Mpíxeles e cámara frontal de 12 Mpíxeles, altofalantes estéreo, Pen, batería de 8.000 mAh con carga rápida de até 45 watts e resistencia IP68, mentres que o modelo FE+ incremente a súa pantalla até as 12,4 polgadas, está equipada cunha cámara traseira dual, a súa configuración de RAM é de 8/12 GB e a súa batería ten unha capacidade de 10.090 mAh. O prezo de saída destas tabletas é de 449 dólares.

Para completar a colección temos os novos Galaxy Buds FE, uns auriculares cuns graves potentes e un son rico, que integran cancelación activa de ruído e efecto de son ambiental, así como tamén conta con tecnoloxía de intelixencia artificial para separar a voz do ruído de fondo e así conseguir unhas chamadas máis nítidas. A súa autonomía é de até 8,5 horas de reprodución musical cunha única carga (até 30 horas se contamos o estoxo de carga), reducíndose a autonomía até as 6 horas de reprodución empregando a cancelación activa de ruído. Chegarán ao mercado a un prezo de 99 dólares, polo que serán unha boa opción para os que busquen uns auriculares de calidade sen ter que realizar un investimento elevado, e coa vantaxe de que conviven moi ben co ecosistema de produtos de Samsung.

ACTUALIZACIÓN (4-10-2023): Samsung confirmou a venda española das tabletas Samsung Galaxy Tab FE a partir do 5 de outubro a un prezo que parte dos 539 euros e dos auriculares Galaxy Buds FE a partir do 6 de outubro a un prezo de 109 euros, mentres que dos smartphones Samsung Galaxy S23 FE non concretar unha data de lanzamento.

PUBLICIDADE