Nubes con entradas de USB para conmemorar o Camiño

mércores, 4 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

As Nubes da Memoria ao seu paso por Logroño

Seguimos a voltas coa tecnoloxía dixital ligada ao Camiño de Santiago, dous eidos condenados a entenderse, a xulgar polas comodidades que a primeira lle ofrece ao segundo e (tamén) polo fondo temático que a ruta lle achega ao fenómeno das novas canles e ferramentas. Pois ben, se hoxe mesmo asistimos á presentación dunha guía en GPS para dispositivos Apple sobre o Camiño, agora toca falar da actividade celebrada onte na Praza de Cervantes de Compostela, onde tivo lugar a proxección de Nubes da Memoria, un proxecto audiovisual que inclúe seis nubes de PVC con entradas de USB para que os camiñantes subministren as súas fotos e vídeos sobre o Camiño. A mostra, que vén da man do artista Eugenio Ampudia, insírese noutra máis ampla: a de Ars Intineris do Museo do Mar de Vigo.
A instalacion participa do espírito de mobilidade do Camiño e, tamén, das ferramentas dixitais dunha boa parte das persoas que chegan por el. Así, a exposición chegou a Compostela logo de ser transportada por máis de 150 peregrinos da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, que carretaron as nubes ao longo de varios treitos da itinerario. A exhibición non ten fondo relixioso: Eugenio Ampudia quixo desenvolver unha mostra para todas e todos. As nubes, neste senso, representan o miolo cambiante e viaxeiro de quen chega por este ou por calquera outro camiño.

PUBLICIDADE