Numerosos afeccionados á informática xúntanse na Estrada nunha festa de seu

venres, 7 de decembro do 2012 Redacción

A Estrada está a acoller dende onte e ata o domingo a novena edición da Kutruparty, encontro informático que xunta a ducias de mozos afeccionados á informática e ao lecer electrónico nos pavillóns da Fundación do Mobile.
O encontro organizado pola asociación AUSLAE conta cun programa de actividades moi completo, con numerosas accións de carácter lúdico tanto no recinto para os participantes inscritos como no escenario Extranet. Deste xeito, contan con torneos de League of Legends, Counter Strike: Global Offensive, StarCraft 2, FIFA 13, concursos para pór a proba os coñecementos cinematográficos dos asistentes e a súa habilidade na dobraxe, probas de destreza con aplicacións informáticas de retoque fotográfico e de vídeo, obradoiros e concursos de deseño de gráficos en 2D e 2D, etc. Amais do devandito, tamén hai espazo, unha vez máis, para dar acubillo ao KUBO, unha área específica para consolas Wii, Play Station 3, Xbox 360, consolas consideradas clásicas e unha réplica de máquinas recreativas.
Este ano a organización reforza a vertente didáctica do encontro, cun emprazamento habilitado como obradoiro e como laboratorio informático. Este contorno, chamado HackConf, serve entre outras cousas para acoller charlas, relatorios e talleres prácticos como os que citamos de seguido:
· Arduino, plataforma de hardware libre para iniciarse na programación de robots e automatización.
· Construción dunha máquina recreativa, creación da nosa propia consola.
· Linguaxes de programación
· Virtualización.
· Seguridade básica (contrasinais, conexións sen fíos...)
· Desenvolvemento de videoxogos.
· Community Manager: consellos e trucos para formármonos nunha profesión de moda, o xestor de comunidades e la importancia de saber relacionarnos nas redes sociais.
· Impresora 3D (contarase cunha impresora 3D montada polos membros de AUSLAE desde cero).
Na Extranet, un espazo-recinto alternativo para actividades participativas que non teñen relación directa coa informática contase con contidos como:
· Origami, creacións en papel
· O Muro, panel de varios metros onde se poderá dar renda solta á arte grafiteira.
· Lanzamento de disco.
· Lanzamento de avións de papel.
· Pachangas futbolísticas no pavillón Coto Ferreiro.
· Ciclo de cinema alternativo, con auténticos subprodutos cinematográficos.
· Campionato de póker.

PUBLICIDADE