O 11,8% das firmas de máis de dez persoas adoptou o uso da IA

xoves, 16 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), órgano colexiado de carácter consultivo da entidade Red.es, adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital a través da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, publicou unha nova versión do seu compás Uso de intelixencia artificial e Big Data en empresas españolas. Segundo o estudo, o 11,8% das empresas de máis de dez persoas adoptou o uso de IA, catro puntos máis ca o ano pasado.
O uso de ferramentas de análise da información a gran escala (Big Data) aumentou en tres puntos (o 13,9% de compañías en España). Ambos índices suben tamén nas microempresas e alcanzan o 4,6% e 3,7% respectivamente.
En empresas que utilizan a IA, o 46,2% emprégana para automatizar fluxos de traballo e axudar na toma de decisións, mentres que o 39,7% aplícaa para a identificación de persoas ou obxectos en función de imaxes. No caso das microempresas, o 48% atópalle a maior utilidade convertendo linguaxe falada en formato lexible. As CCAA con maior implantación da IA son: Comunidad de Madrid (16,8%), Comunidad Valenciana (14,1%), Aragón (12,7%) e Cataluña (12,3%).
En canto ao Big Data, a fonte máis empregada polas empresas españolas é a xeolocalización a partir de dispositivos portátiles (55,3%). E do mesmo xeito que coa IA, as grandes empresas adoptan Big Data en maior medida, un 34,7%. Un 17% das empresas madrileñas xa o están utilizando, tamén o 16,1% de Cataluña e La Rioja.
Por sectores de actividade, son información e comunicacións (41,9%) e TIC (41,3%) os que aglutinan gran parte das empresas que usan IA. Ademais, segundo a comparativa coa contorna europea, España ocupa a décimo cuarta posición na integración de IA, e a décimo sétima posición en analizar macrodatos.
Outro dos aspectos destacables é o aumento das contratacións de especialistas en IA e en Big Data: aínda que medra ata o 2,3% respecto ao ano anterior, non é equiparable ao número de compañías que o utilizan. Isto indica que o seu uso non sempre se canaliza a través de profesionais.

PUBLICIDADE