O 15 de xullo estrearase un documental sobre a industria e a cultura dos videoxogos

mércores, 18 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O documental non esquece o estado actual da industria

Os documentais sobre a industria do videoxogo están a acadar moi boa aceptación do público, que incluso contribúe ao seu financiamento a través de plataformas de micromecenado, como puidemos ver no seu día con Indie Game: The Movie, e que agora replicarase con Video Games: The Movie, que tras xuntar 107.235 dólares en Kickstarter e gravar a máis dun cento de desenvolvedores desta industria, anuncia a súa data de lanzamento (bastantes meses despois do previsto) para o día 15 de xullo, cando poderá adquirirse a través de distintas plataformas de vídeo baixo demanda e tamén nun pequeno grupo de cines.
O fundador de Atari, un dos pioneiros do sector, contará a súa experiencia no documentalO documental está conducido por Sean Astiin e narra a historia da industria dos videoxogos dende os seus humildes comezos até a situación actual, para o que entrevistaron en profundidade a afeccionados, celebridades e creadores, como Cliff Bleszinski (co creador da franquía Gears of War), Doug Tennapel (creador de Earthworm Jim), Hiroyoki Kobayashi (creador de Resident Evil), Palmer Luckey (creador de Oculus Rift), Warren Spector (responsable de xogos como Deus Ex, System Shock ou o máis recente Epic Mickey) e incluso lendas como Nolan Bushnell (fundador de Atari).
Temos así un percorrido dende os tempos de Atari até a Xbox, que os afeccionados aos videoxogos agradecerán como unha reivindicación un ámbito do lecer menosprezado culturalmente pese ao seu peso na sociedade actual (os videoxogos superan en facturación dende hai bastante tempo ao cine, á televisión e á música).


Vídeo promocional de Video Games: The Movie

PUBLICIDADE