O 25% dos 309 proxectos presentados en VíaGalicia son proxectos TIC

luns, 3 de agosto do 2015 Redacción

Pechado o prazo para a inscrición de iniciativas na terceira convocatoria da aceleradora VíaVigo, que agora pasa a chamarse tamén VíaGalicia trala incorporación de Lugo e contorna no seu radio de alcance, a participación saldouse con 309 ideas de negocio concorrendo. A cifra, informa a organización, supón un récord de candidaturas con respecto ás anteriores edicións, significando un medre do 58,46 por cento en relación ás 195 inscricións rexistradas na pasada segunda edición. Os 309 proxectos presentados aspiran todos eles, apoiándose en VíaGalicia, a converterse en empresas de éxito. Un de cada catro, por certo, están ligados ás TIC.
Do total de presentacións, un 29,45 por cento corresponden a ideas que optaron por realizar as tres primeiras fases do programa na sede de Lugo, xa que os emprendedores, a través da plataforma VíaVigo e viagalicia.gal, puideron escoller entre as dúas localizacións. Nesta edición, aos emprendedores que fagan a fase de academia na sede de Lugo e pasen á fase final de aceleración (en Nigrán), facilitaránselles 5.000 euros para sufragar os gastos de desprazamento a Porto do Molle.
Estes e outros datos foron dados a coñecer o pasado venres 31 polo comité técnico de VíaGalicia, que salientou que “unha alta porcentaxe dos proxectos presenta unha gran calidade na súa proposta, cunha boa identificación da oportunidade de negocio, con elementos diferenciais nas súas solucións que trasladan unha proposta de valor aos seus potenciais clientes e cun modelo de negocio definido a priori sobre o que pivotar a nova empresa ao longo do programa de aceleración”.
En relación ao ámbito sectorial das devanditas candidaturas, constátase que un 24,92 por cento das mesmas están directamente ligadas con Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). No que atinxe ao ámbito tecnolóxico, un 50,16% das candidaturas sustentan a súa proposta de valor en desenvolvementos TIC.
Sinalar tamén que nesta 3ª edición do programa ViaGalicia|ViaVigo que organizan novamente o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Goberno galego os 15 proxectos que sexan seleccionados para a fase de aceleración accederán até a un máximo de 125.000 euros en forma de capital semente baixo as seguintes modalidades de financiamento: unha subvención a fondo perdido da Axencia Galega de Innovación (GAIN) de até un máximo de 25.000 euros, ampliábel en 5.000 euros para aqueles proxectos rexistrados inicialmente na sede de Lugo; un préstamo participativo con opción de capitalización de XesGalicia, sociedade de capital risco vinculada á Xunta de Galicia, de até un máximo de 50.000 euros; e un préstamo participativo con opción de capitalización de Vigo Activo, sociedade de capital risco vinculada ao Consorcio Zona Franca de Vigo, de até un máximo de 50.000 euros. En setembro, o comité técnico preseleccionará 40 ideas de negocios por cada sede entre os que mellor respondan “aos criterios de innovación, acelerabilidade e investibilidade”. No seguinte paso, cada grupo dos corenta seleccionados pasará a participar no Startup Day que terá lugar en Lugo e Vigo nunha xornada na que se seleccionarán os seguintes 20 mellores proxectos que poderán continuar nas dúas Academias e dos que, noutra avaliación, sairán os 15 finalistas para a fase de Aceleradora.

PUBLICIDADE