O 40% do Grove xa goza de banda larga

mércores, 22 de febreiro do 2023 S. P.

José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, estiveron este mércores 22 de febreiro no Grove para tomar o pulso do proceso para dotar de cobertura de banda larga á totalidade dos concellos da provincia, proceso impulsado dende o Goberno ao abeiro do Plan Único. Segundo fixo saber Miñones, o Executivo central está a mobilizar 1.000 millóns de euros para acadar a conectividade total antes de 2025. Miñones e Silva reuníronse en Porto Meloxo (O Grove) co alcalde José Cacabelos, coincidindo co despregue da banda larga nesta zona do territorio grovense, que xa chega ao 40% da poboación.
Miñones explicou que na provincia de Pontevedra, a convocatoria de 2021 do Plan Único foi adxudicada a Telefónica, que ten de prazo ata decembro de 2023 para rematar as obras nas 18.973 vivendas que recibirán a fibra óptica. Porén, a convocatoria de 2022 foi parar a Avatel Telecom, que dispón dun prazo ata decembro de 2024 para sumar outras 18.973 vivendas. Deste xeito, antes do ano 2025 disporán da banda ancha un total de 41.289 vivendas da provincia gracias á mobilización dun total de 16.166.245 euros nestas dúas convocatorias. O plan completarase, para alcanzar o obxectivo do 100% de cobertura, cunha terceira convocatoria neste ano 2023 que inclúe tamén a expansión do 5G.
José Miñones engadiu que, complementariamente ao despregue da fibra óptica, a partir da próxima primavera comezarán a operar os enlaces vía satélite 5G para as áreas rurais da provincia nas que sexa imposíbel o tendido. Farase no marco do gran contrato asinado polo Goberno de España con Hispasat e, ademais, a un prezo fixo de 35 euros ao mes. O plan estatal contempla, adicionalmente, subvencións de ata 600 euros para os particulares, empresas e mesmo concellos para a instalación dos equipos de recepción e distribución do sinal.
Pola súa banda, o alcalde do Grove, José Cacabelos, explicou que un 40% do seu municipio xa goza de banda larga e destacou que Porto Meloxo é o último exemplo dun avance na conectividade que tamén se concretou en lugares como San Vicente, Balea, Boibas, Meloxo ou Reboredo “que, podería pensarse, serían os últimos e en cambio están sendo os primeiros, mesmo por diante dalgunhas rúas do núcleo urbano, onde estamos comezando agora mesmo as obras de tendido da fibra óptica”. En moi pouco tempo, celebrou, “o 100% do Grove terá conectividade á Internet de altas prestacións e iso mellorará a vida da xente, porque todo o mundo ten hoxe un dispositivo tecnolóxico conectado, pero tamén será algo extraordinario para as empresas e para a hostalería de toda a zona, que verán incrementada a súa competitividade”.

PUBLICIDADE