O 48% dos usuarios españois de Second Life conéctase cada día

mércores, 16 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Como son os usuarios en España de The Second Life? Véselles na expresión e nos hábitos que acceden decote a este mundo virtual 3D? Son coma os restantes seareiros dos videoxogos ou teñen algún tipo de particularidade? Dende The Cocktail Analysis e da man do noso compañeiro Fernando Garrido vén de chegarnos á redacción de Código un estudo pormenorizado sobre a notoriedade e perfil dos usuarios de Second Life, que, por certo, en España xa representan o 3% do total. Así, segundo o devandito informe, o retrato robot do seareiro responde ó dun varón (65%) de 33 anos de media, con estudos universitarios (54%) e ocupado laboralmente (69%). Este perfil, sostén a investigación, contrasta en boa medida co do usuario medio dos restantes mundos virtuais e tamén co dos videoxogos, sobre todo debido á súa maior idade.
O informe, que está baseado sobre dúas enquisas (unha dirixida ós internautas e outra levada a cabo entre os usuarios españois de SecondLifeSpain.com), pon de relevo o importante afianzamento desta innovadora proposta virtual no país, con case a metade dos enquisados accedendo a diario e un de cada catro ficando conectado máis de tres horas.
Fernando Garrido achéganos ademais estes resultados:
· O 62% dos usuarios españois coñeceu Second Life a través das informacións difundidas dende os medios de comunicación.
· A maioría (65%) recoñece acceder por primeira vez sen maior motivación que a mera curiosidade. Só o 22% se iniciou neste entorno coa finalidade de coñecer xente.
· Aínda que o 76% dos enquisados amósase satisfeito coa experiencia vivida ata o momento, o volume que representan os máis entusiastas -para quen Second Life superou as súas expectativas- como os decepcionados é moi similar (22% e 24% respectivamente).
· A gran maioría (73%) dedica a maior parte do tempo a percorrer e explorar os confíns deste mundo virtual. A interacción con outros residentes é para aproximadamente a metade (55%) dos enquisados a outra gran actividade á que se lle concede máis tempo. A personalización do avatar -a representación 3D do usuario- resulta a terceira actividade á que se lle presta máis dedicación.

PUBLICIDADE