O 4G de Movistar sería o que chega a máis españois

luns, 13 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos os principais operadores de telefonía móbil iniciaron unha carreira por ver quen ofrecía antes aos seus clientes a conectividade 4G como un grande reclamo para os cidadáns que cada vez demandan unha mellor banda larga no móbil, e aínda que inicialmente Vodafone e Orange conseguiron coller a dianteira, nos últimos meses Movistar conseguiu mellorar a súa infraestrutura móbil e agora podería chegar a estar en cabeza, xa que os últimos datos que sostén o operador de telecomunicacións aseguran que a súa cobertura de 4G chega este mes a preto do 95%, mentres que Vodafone quedaría no 94% (segundo datos do mes pasado).
Os operadores que terían uns resultados moito máis modestos serían Orange (que segundo datos de abril chegaría só ao 87% da poboación coa súa rede 4G) e Yoigo (que con datos do mes pasado conformaríase con chegar ao 85% da poboación).
Cómpre destacar que as porcentaxes de poboación e o número de poboacións cubertas polo 4G son datos moi diferentes, nos que inflúe a política de espallamento das distintas redes, de xeito que algúns operadores conseguen mellorar os seus datos optando por unha cobertura case total en grandes poboacións. Así temos como, pese a existir practicamente un empate técnico entre Movistar e Vodafone en volume de poboación cuberta, se miramos o núcleo de concellos Movistar chegaría a 3.596, mentres que Vodafone só a 2.750 e Orange a 1.300. Movistar tamén detalla que vai rematar o ano con máis de 14.000 antenas 4G en España, das que 7.500 contarán coa banda dos 800 MHz, o que permitiríalle superar o 96% da poboación cuberta, algo que dificilmente poderán facer algúns operadores que decidiron prescindir de tal frecuencia (que destaca por conseguir unha mellor cobertura en interiores).

PUBLICIDADE