O 60% dos profesionais da información din que as redes sociais prexudican os medios tradicionais

xoves, 10 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Os estudos sobre as redes sociais (que si son boas, que si son malas), chegan á Rede de xeito ininterrompido. O curioso do caso é que os datos positivos altérnanse cos negativos coma se tal cousa. Entre estes últimos sitúanse (con matices) os que se extraen do estudo O profesional da información na era 2.0 que veñen de presentar, man a man, a axencia de comunicación AxiCom e máis a Asociación Nacional de Empresas de Internet. Entre as conclusións que se extraen do informe figura unha opinión preocupante, en crecemento, dos profesionais da información acerca das novas redes: seis de cada dez opina que estas canles teñen influído de xeito negativo nos medios de tipo tradicional.
Asemade, un cada catro asegura que as redes sociais practicamente lle viñeron por obriga profesional e máis da metade opinan que o papel destes recursos está sobrevalorado, engaden os autores da investigación. Con todo, e como soe acontecer nestas cousas da Rede, que son coma a vida mesma (nin negras nin brancas), hai elementos positivos. Segundo din, arredor dun 87% dos profesionais da información si que teñen en boa estima aos blogs no que se refire ao panorama mediático.
E, malia todo o devandito, o 90% dos enquisados opina o mesmo das redes sociais, cousa que se contradí un pouco co dato co que abrimos pero que pon ás claras a enleada que se está a formar sobre as vantaxes e atrancos destes servizos 2.0, aínda por determinar en boa medida.

PUBLICIDADE