O 79,3% dos concellos galegos xa teñen eSede

luns, 30 de xullo do 2018 Redacción

O observatorio OSIMGA vén de achegar unha serie de datos de interese sobre o nivel de madurez dos nosos concellos en materia de Administración Electrónica. O estudo, que serve de complemento ao presentado os días pasados sobre o nivel de familiaridade das galegas e os galegos coas novas tecnoloxías da información, confirma que as administracións locais da nosa terra están a subir, coas súas lóxicas diferenzas de ritmos, frecuencias e impulsos, pola escada da gobernabilidade electrónica. Segundo se fai saber na investigación, oito de cada dez concellos conta xa con sede electrónica (o 79,3%), preto dun 50% máis que hai dous anos.
Estes e outros datos figuran no informe A Administración Electrónica nos concellos galegos publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Xa nun plano máis concreto, na investigación sinálase que entre os servizos TIC dos concellos máis estendidos atópase o rexistro electrónico, e entre os que menos áchanse o pago electrónico de multas, taxas ou tributos.
Respecto á evolución no período 2015- 2017, incrementáronse a maioría dos servizos das sedes electrónicas dos concellos, especialmente no caso das notificacións electrónicas, que experimentaron un crecemento de 24,6 puntos porcentuais, ou das chamadas carpetas de cidadáns, que se incrementaron en 14,7 puntos nestes dous anos.
Polo que atinxe ao rexistro de documentos e á solicitude e obtención de certificados, son os procedementos máis tramitados pola cidadanía dentro dos niveis máis avanzados de interacción. O informe tamén sinala que máis da cuarta parte dos nosos concellos contan cun catálogo de procedementos dispoñíbel a través de Internet, sendo especialmente significativo entre os municipios con máis de 50.000 habitantes ( 57,1%).
Respecto das comunicacións, no informe saliéntase o medre do uso das redes sociais por parte dos gobernos locais, que aumentan 9 puntos porcentuais nestes dous anos, acadando o 59%. A rede social máis común é Facebook, seguida de Twitter. A acción máis común de participación coa cidadanía é a posibilidade de comentar novas publicadas polo concello na súa web, presente nun 16,2% de concellos.
No caso da transparencia, en 2017 a taxa de municipios que contaban con portal específico para tal fin situouse no 62,2%, medrando 32,7 puntos nos dous últimos anos, e estando presente no 100% dos concellos máis grandes.
As aplicacións con maior presenza na Administración Local de Galicia son: o Padrón de habitantes (96,7%) e a de Contabilidade (95,7%). A de Xestión de expedientes foi a ferramenta con meirande crecemento respecto ao ano 2015, medrando a súa presenza en 21,1 puntos porcentuais.
En canto aos sistemas de identificación e certificados dixitais para o persoal dos consistorios, o 96,13% das entidades locais contan con algún método de identificación ou autenticación do seu persoal no sistema informático da entidade. No informe tamén se fai saber que “aínda que os nomes de usuario e contrasinal no ordenador do usuario segue sendo o método máis empregado polos concellos, o DNI electrónico ou certificado dixital aumentou 6,8 puntos nos dous últimos anos”.
No que atinxe ao software libre, o 88,2% dos concellos dispón deste tipo de programas nalgún equipo informático, aumentando 5,6 puntos porcentuais respecto á edición anterior. Por certo que o software libre ten maior implantación nas aplicacións libres que nos sistemas operativos.
A principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia (60,5% dos concellos), seguido polo asesoramento ao caso concreto do concello e as demostracións do propio funcionamento dos produtos de software libre con porcentaxe arredor do 51%.

PUBLICIDADE