O 84% dos proxectos de Kickstarter non cumpren cos prazos de entrega

mércores, 19 de decembro do 2012 Marcus Fernández

O smartwatch Pebble é o produto físico que captou máis atención este ano en Kickstarter

Non hai dúbida que unha das prácticas que máis destacou en 2012 foi o crowdfunding, especialmente a través de Kickstarter, con proxectos como o reloxo intelixente Pebble, a videoconsola baseada en Android OUYA ou os videoxogos Zombie Playground, Project Eternity e Double Fine Adventure, que conseguiron captar importantes cantidades económicas, pero que poderían non merecer tal confianza se atendemos a datos publicados por CNNMoney, onde analizan os 50 proxectos aos que se achegaron máis cartos atopando que o 84% dos mesmos non están a cumprir os seus prazos de entrega, o que estaría na liña dun estudo publicando no verán que indicaría que o 75% dos produtos financiados deste xeito non cumprirían cos prazos de entrega prometidos.

As cores finais dos relexos Pebble aínda puideron verse este mesmo mes, cando o produto tería que terse entregado en setembro

E non estariamos só ante pequenos retrasos, senón que nalgúns casos aínda non se sabe se os produtos serán realidade algún día. Resulta especialmente rechamante o caso de Pebble, o smartwatch cunha pantalla de papel electrónico (que resultaba non utilizar realmente tal tecnoloxía) que prometía chegar o pasado mes de setembro, e que tería que ter entregado xa máis de 85.000 unidades, e que posiblemente non vexa a luz ata o mes de abril, o que claramente resultará frustrante para os que adiantaron os cartos por un dispositivo que ten moito que demostrar.
Dende CNNMoney aseguran que dos 50 proxectos de Kickstarter, 16 aínda non terían entregado nada, e 26 enviaríanse cun retraso medio de 2 meses, entrando tamén a analizar a causa disto, que non parece ser outra que a falta de experiencia por parte dos distintos promotores, así como a falta de arela de lucro, pois en moitas ocasións os proxectos responden máis a intereses artísticos ou a metas persoais a superar. Deste xeito non queren mandar a mensaxe de que o crowdfunding sexa algo no que non depositar a confianza, senón que simplemente advirten de que hai que ter paciencia para poder ver os resultados de proxectos planificados dun xeito pouco realista.

PUBLICIDADE