O 93,9% dos smartphones españois funcionan con Android

mércores, 15 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Mentres nalgúns mercados fálase de que a decadencia de BlackBerry e Windows Phone está a levar a un dominio do mercado por parte de só dous axentes, iOS e Android, a situación está a pórse cada vez máis difícil para Apple, e en España a situación sería bastante diferente, de xeito que cada vez resulta máis evidente o dominio de Android, que segundo os últimos datos de Kantar Worldpanel (do pasado mes de abril) ocuparía o 93,9%, quedando iOS nun discreto 5,5% e Windows en só o 0,6%, datos que distan moito do 88,6%, o 8,8% e o 2,5% que respectivamente tiñan cadansúa plataforma hai un ano.
Cómpre detallar que a nivel mundial os únicos mercados analizados por Kantar nos que iOS tería un lixeiro crecemento serían Reino Unido (0,4%) e Francia (3,6%), mentres que no resto caería entre o 1% e o 3,6% (mentres que Android medra en todos os mercados). En calquera caso, os mercados nos que existen unha dualidade clara de Android-iOS é cada vez menor, dando a impresión de que a nivel europeo o rumbo que toma o mercado español está a ser tendencia, polo que non sorprende que a Comisión Europea teña a Google baixo a lupa na situación actual na que estariamos nunha situación moi semellante a un monopolio (aínda que no caso de Android sería moi discutible xa que é posible adoptar tal sistema operativo sen ir collido da man de Google).

PUBLICIDADE