O Apple Watch podería chegar a España a finais de xuño segundo Tim Cook

martes, 28 de abril do 2015 Marcus Fernández

Apple vén de publicar os seus resultados financeiros para o primeiro trimestre de 2015, cuns ingresos de 58.010 dólares de ingresos e 13.600 millóns de dólares en beneficios netos, o que supón un importante crecemento fronte ao mesmo período do ano anterior (do 27% no caso dos ingresos) e cunha importante expansión internacional, que leva a que o 69% das vendas trimestrais chegase de fóra dos EE.UU., converténdose China xa no segundo mercado de Apple.
Tim Cook amosouse satisfeito por ter o mellor primeiro trimestre do ano da súa compañía, grazas principalmente á grande renovación dos iPhone (co seu aumento de pantalla), e incluso confía en que o segundo trimestre do ano sexa extraordinario, grazas á estrea do Apple Watch, dispositivo sobre o que comentou que conseguiron entregar máis trebellos dos agardados durante a pasada fin de semana, de xeito que están a adaptar a produción dos reloxos como para poder ampliar o número de países nos que se vende a finais de xuño.
Volvendo aos datos económicos de Apple, temos datos de vendas que tamén poden chamar á reflexión, como que o número de iPad vendidos caese un 23% en número de unidades no último ano, dando a entender que existe unha necesidade de renovar tal liña de produtos (o que fai rexurdir os rumores dun posible iPad profesional con pantalla de 12 polgadas), mentres que as vendas de iPhone subiron un impresionante 40% e os ordenadores persoais conseguiron manter un incremento de vendas do 10% (aínda que en ingresos tal crecemento foi de só o 2%).

PUBLICIDADE