O Ateneo de Ourense acolle estes días as terceiras Xornadas de Software Libre do grupo GULO

martes, 26 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A Sociedade da Información e as portas que nos levan a entrar nela teñen múltiples facianas. Algunhas contan con respaldo de grandes departamentos corporativos de publicidade traballando a tope de revolucións para que a sociedade non coñeza ou non teña máis posibilidades de acceder ás restantes alternativas. Contrarrestar na medida do posible esta situación e favorecer o coñecemento das que foron habilitadas sen grandes arelas de lucro é un dos grandes obxectivos de GULO (Grupo de Usuarios GNU/Linux de Ourense), que, xunto coa Oficina de Sofware Libre da Universidade de Vigo (OSLUVI), está a organizar a terceira edición das súas Xornadas de Software Libre.
Os encontros, de carácter gratuíto, desenvólvense hoxe (martes 26) e mañá pola tarde no Ateneo de Ourense e, a diferenza do que aconteceu en anteriores edicións, este curso “será básico, unha iniciación no software libre para todo o mundo”, explicou Diego Pérez, un dos integrantes de GULO.
E prosegue, en declaracións ao xornal da Universidade de Vigo: “Ao longo destas dúas sesións e dos distintos relatorios ofreceremos alternativas ao software privativo, tamén afondaremos nas posibilidades que o software libre ten a nivel de ofimática e incluso explicaremos como ver películas ou xogar”.
Programación das xornadas
As dúas sesións das xornadas desenvolveranse dende ás 16.30 e ata ás 19.30 horas. Hoxe foron catro os temas a tratar; a relación existente entre a cidade, GULO e o software libre; as condicións de uso deste produto; a súa aplicación no ámbito do fogar e na empresa, “a nivel de ofimática, contas de usuario, xogos”, e máis as alternativas que ofrece o software libre fronte ao privativo.
Nesta primeira xornada estaba previsto no programa contar cos conferenciantes Pablo Caderno, presidente de GULO e os asociados Diego Pérez, Javier Rodeiro e Orlando García..
O mércores 27 retomaranse as xornadas centrándose nesta ocasión en temas de carácter máis específico. Membros de GULO e da OSLUVI explicarán como instalar GNU/Linux, afondarán nas vantaxes de empregar OpenOffice fronte a MS Office e falarán do xogo en liberdade.

PUBLICIDADE