O BNG pide investigar a actuación das compañías após o apagamento dixital en Xinzo e Verín
venres, 15 de maio do 2026
A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, vén de rexistrar iniciativas para pedir ao Goberno do Estado que investigue a proceder das liñas de telefonía após o apagamento dixital que, segundo informou, deixou sen conexión durante case 24 horas a milleiros de persoas de Xinzo de Limia e Verín entre os días 7 e 8 de maio, e para reclamar “que as compañías de telecomunicacións indemnicen automaticamente ás persoas afectadas, tal e como estabelece a lexislación vixente”.
A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, sinalou que “o sucedido puxo de manifesto a enorme vulnerabilidade das comunicacións en comarcas enteiras e a absoluta falta de resposta e transparencia das operadoras afectadas”.
Nun plano máis concreto, informou tamén de que o corte masivo “deixou sen Internet e sen acceso a servizos esenciais a persoas usuarias de compañías como Vodafone, Lowi, Orange ou R, entre outras operadoras que comparten infraestrutura na zona”.
Engadiu que “as primeiras informacións apuntan a que a avaría podería terse producido por un corte accidental da rede durante unhas obras viarias en Xinzo de Limia, aínda que outras versións sinalan tamén os efectos da tormenta rexistrada ese día sobre os cables subterráneos da rede de transporte”.
O BNG subliña que as consecuencias foron “gravísimas” e “afectaron ao funcionamento de servizos sanitarios e administrativos”. Houbo dixo, “ambulancias sen capacidade para recibir alertas, farmacias con dificultades para acceder ás bases de datos de para dar medicamentos, persoas que estaban a teletraballar mais que estaban sen conexión, negocios paralizados e mesmo a suspensión da atención administrativa no propio Concello foron algunhas das incidencias rexistradas”.
Carme da Silva lembrou que o Real Decreto 899/2009, que regula a carta de dereitos das persoas usuarias dos servizos de comunicacións electrónicas, “establece claramente que as operadoras deben compensar automaticamente ás persoas abonadas cando a interrupción do servizo supera as seis horas entre as 8:00 e as 22:00 horas”.
Así, reclamou ao Ministerio de Transformación Dixital “que actúe de oficio, abra unha investigación inmediata e inspeccione o comportamento das operadoras”.
O Bloque demandou tamén que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia investigue os feitos e “determine posibles sancións no caso de confirmarse incumprimentos da normativa vixente por parte das compañías de telecomunicacións”.
