O BNG reclama ao Goberno central que actúe para acabar coa deturpación dos nosos topónimos na Rede

mércores, 24 de marzo do 2021 S. P.

O Bloque Nacionalista Galego quere poñer fin a un agravio tecnolóxico que se perpetúa nos anos malia as constantes e reiteradas solicitudes de múltiples colectivos, entidades, institucións e cidadáns que teñen pedido dunha vez por todas o seu remate. Estamos a falar da deturpación continua e sistemática dos nosos topónimos nos principais servizos de información da Rede, máis concretamente nas aplicacións de xeolocalización. Neste senso, o deputado Néstor Rego pediu ao Goberno central que se dirixa ás empresas que desenvolven e usan estas ferramentas para que usen os nosos topónimos oficiais e correctos.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar dúas iniciativas (preguntas e Proposición Non de Lei) demandando ao Goberno que “interveña diante das empresas que empregan aplicacións de xeolocalización para corrixiren os topónimos da Galiza deturpados e respectaren a forma oficial”.
Amais, a organización nacionalista reclama que se respecte as distintas linguas oficiais do Estado nas redes sociais.
Segundo fai saber o BNG, “a pesar de existir abundante lexislación que obriga as distintas entidades, tanto públicas como privadas, a empregaren correctamente a toponimia oficial, neste caso a galega, a realidade é que calquera persoa usuaria da Internet encontra nos servizos de xeolocalización topónimos deturpados que nada teñen que ver coa versión oficial”. Nesta liña, denuncia a agrupación política galega, sitúanse xigantes como Google, que segue a empregar termos omo “La Coruña”, “Vivero”, “Lorenzana” ou “Orense”, que supoñen unha deformación dos nomes de lugar tradicionais galegos. Isto, segundo declara Néstor Rego, “lémbranos a tempos pretéritos en que o respecto polo idioma e a cultura galega brillaban pola súa ausencia”. Así mesmo, denuncia que non só Google Maps emprega formas incorrectas e alteradas dos topónimos galegos, senón que redes sociais como Facebook tamén utiliza versións que “negan realidade legal, cultural e social da Galiza”.

PUBLICIDADE