O Banco Pastor facilítalle ás empresas as súas operacións en liña

venres, 9 de marzo do 2007 Raquel Noya

Dende hoxe, as pequenas e medianas empresas (pemes) que sexan clientes do Banco Pastor, poderán ingresar os cheques por Internet no mesmo momento en que os reciban.
Este servizo, segundo informa a entidade bancaria galega, non precisa ningún software adicional e, posto que non se efectúa ningunha retención de saldo, permite transmitir os datos dos documentos á súa oficina por medio da banca electrónica, así como percibir o importe do cheque na súa conta “con total seguridade e confidencialidade”, sinala.
Entre os documentos admitidos, atópanse os cheques e pagarés de conta corrente, os pagos domiciliados e os cheques bancarios.
A entidade galega sinalou que este novo servizo en liña achega liquidez de xeito inmediato e reduce as tarefas administrativas”, asemade, que se trata dun “produto que empresta un servizo de calidade, en liña co que agardan os clientes”.
A nova funcionalidade de PastorNet Empresas engádese a outras como a xestión de remesas electrónicas de exportación, o pago de seguros sociais ou o pago a provedores que se incorporaron ultimamente á banca electrónica.

PUBLICIDADE