O Belén de Begonte acadou a cifra de 32.155 visitas virtuais

martes, 10 de xaneiro do 2023 S. P.

O noso colaborador Xulio Xiz, un dos grandes impulsores e valedores do Belén de Begonte, referente dos nacementos históricos de Nadal da nosa terra, compartiu con nós os datos máis recentes sobre as visitas ao dito Belén, tanto en formato físico como virtual. Segundo se fai saber no balance, este 9 de xaneiro o Belén de Begonte xa acumulara 35.000 visitas presenciais, ás que se suman as 32.155 recibidas na web de O Nadal de Begonte.
En canto ás presenciais, agora que remata a atención diaria ao público e trasládase ás fins de semana, continuou, desde o pasado día 28 de decembro, o promedio de máis de 1.000 persoas cada día, obrigando de facto á ampliación do horario previsto.
Das 32.155 visitas virtuais rexistradas, cómpre destacar que 4.679 visionaron o Belén virtual, das que 2.045 contemplaron a versión galega, 2.177 a versión en castelán, e 170 a inglesa. Nestes últimos días, 287 internautas fixeron a visita 360º que recentemente se incorporou á web do nacemento chairego.

PUBLICIDADE