O Big Data centrará a nova edición da Noite Galega das Telecomunicacións

martes, 15 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O 1 de xuño, dentro de dúas semanas, chega a edición 23 da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información a gran cita anual do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) e, sen lugar a dúbidas, un dos grandes acontecementos tecnolóxicos e profesionais da nosa terra e do ámbito estatal. O evento, que acollerá a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, xirará este no (tematicamente) arredor da información masiva e as súas posibilidades para sermos máis eficaces, rendíbeis, competitivos e sustentábeis. Falamos con Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG e presidente da AETG, para que nos achegue detalles da celebración e das vindeiras actividades das/os profesionais galegas/os das Telecomunicacións.

-Amais da importancia propia do acontecemento do 1 de xuño, inherente a cada convocatoria, que relevancia extra, específica, ten para vostede esta edición?
-Nesta edición levamos o evento a Vigo coa nosa intención de ir rotando o lugar de celebración da Noite. A escolla do emprazamento non é casual porque a cidade olívica é a sede da única Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da nosa Comunidade. Son moitos os telec@s que exercen no país e que pasaron polas aulas desta Escola e reunírmonos todos xuntos en Vigo ten un simbolismo especial para todos nós. Xunto a isto, a temática escollida e na que centramos esta edición ten que ver co Big Data. Queremos poñer en valor a achega que o noso colectivo pode realizar nun ámbito, do que se fala moito ultimamente e que, malia iso, segue a ser enigmático e descoñecido para unha gran parte da opinión pública.

Sánchez Agrelo, decano do COETG, no seu discurso da anterior edición

-Non podemos deixar de lado que este mes de maio celebramos o Día das Letras Galegas e máis o Día da Internet e das Telecomunicacións. Coinciden significativamente o 17 de maio. Que opina vostede desta ao noso xuízo feliz coincidencia? Algo desta dupla conmemoración debera deixar pegada na vindeira festa da Enxeñaría en Telecomunicación?
-Congratulámonos desta coincidencia porque tanto o colexio como a asociación, que teño a honra de presidir, operan en clave galega. O noso ámbito xeográfico de actuación é Galicia e nós estamos orgullosos de traballar para reivindicar e por en valor a actividade profesional que o noso colectivo realiza en empresas galegas ou en multinacionais asentadas no país. Xunto a isto, o uso do galego é algo que nos define e singulariza e tanto desde o colexio como desde a asociación apostamos polo emprego da lingua autóctona en todas as nosas comunicacións oficiais.

-Cales son as cuestións que servirán este ano de fío temático á Noite?
-Big Data: os telec@s cara á enxeñería do coñecemento é o lema que escollemos para a Noite neste 2018. O desenvolvemento da información masiva é un eido de traballo moi demandado na actualidade e nós consideramos que o noso colectivo pode realizar valiosas achegas a este eido, malia que moitas veces inicialmente non se nos encadra nel. Xunto a isto, tamén queremos contribuír co noso gran de area a divulgar o potencial pode ter o Big Data para a sociedade, aplicado a diferentes ámbitos de actuación. Moitas veces descoñécese que este campo ofrece interesantes perspectivas para a mellora de diferentes eidos tales como a sanidade, a facenda, a industria –un claro exemplo é o coche autónomo- e todo o relacionado coa intelixencia artificial.

-O ano pasado falouse moito na Noite de ciberseguridade e de xeitos eficaces e rendíbeis de lograr o equilibrio entre o coñecemento universal, aberto, e a privacidade e a intimidade das persoas e das entidades. Falaremos novamente de ciberseguridade? Teremos que falar de ciberseguridade cada vez que fagamos un evento relacionado coas tecnoloxías dixitais?
-Sinceramente creo que si, que se vai seguir falando durante moito tempo de ciberseguridade e ademais considero que inexorablemente o desenvolvemento do Big Data vai ligado a esta cuestión. O tema da ciberseguridade tense amosado como un dos principais retos aos que cómpre dar resposta desde diferentes ámbitos de actuación e, nos últimos tempos, observamos incluso como se ten tornado unha cuestión central dentro da axenda política. O 2017 foi o ano con máis ciberataques producidos de tódolos tempos, quen non lembra Wannacry o Petya que afectaron a milleiros de empresas?. Actualmente as compañías líderes en seguridade dixital, como Palo Alto Networks, xa están a utilizar o Big Data nas súas aplicacións para predicir os ataques.

-Vostede está á fronte dunha equipa directiva relativamente nova que por estas mesas datas, o ano pasado, avanzada a paso firme cara a súa consolidación e o seu pleno rendemento. Como se atopa neste intre a “maquinaria” da directiva da asociación? Cales son os seus retos principais, tanto a curto prazo como a medio prazo?
-Efectivamente, en breve cumprirei un ano á fronte do colexio e da asociación. Un ano de intenso traballo no que reforzamos vínculos cos nosos grupos de interese de cara a poñer en valor o traballo que desenvolven os nosos profesionais en Galicia. Neste sentido, estreitamos lazos con empresas, coa Administración e con universidades, entre outras entidades, e tamén contribuímos a consolidar a percepción que a sociedade ten de nós como fornecedores de valiosos servizos que contribúen ao seu progreso. Queremos seguir abríndonos aos cidadáns e poñendo o acento sobre cuestións que poden interesarlles a respecto do noso ámbito de actuación. Neste sentido, canto máis cohesionado estea o noso colectivo, mellor poderemos contribuír ao progreso da sociedade dixital. Para facelo, é importante contar cun colexio forte e por iso traballamos para achegar a entidade aos profesionais e para fomentar a incorporación de novos membros e asociados.

-Neste mesmo número de Código Cero falamos da renovación do acordo entre a axencia AMTEGA e a AETG, con vistas á realización de novas accións de divulgación e formación. Que nos pode contar acerca desta nova alianza?
-No marco deste convenio, a AETG desenvolverá actuacións de formación e capacitación en materia de telecomunicacións para profesionais deste ámbito e tamén levaremos a cabo unha xornada con tódolos operadores implicados e xunto coa Administración sobre a tecnoloxía 5G. Por outra banda, realizaremos un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da Comunidade que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas. O acordo prevé, ademais, a posta á disposición dos concellos galegos dun servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregue de infraestruturas de telecomunicación.

-Vimos que se veñen de convocar eleccións para renovar a Xunta de Goberno do COIT (Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación) en Madrid, o día 1 de xuño. Van afectar estas eleccións ao funcionamento do colexio en Galicia?
-Co paso do tempo a sociedade foi cambiando, así como as formas de xestionar diferentes asuntos da profesión e o enfoque da mesma por parte dos colexiados máis novos. Neste sentido, unha gran parte dos enxeñeiros de Telecomunicación vemos que o colexio se anquilosou e non se modernizou para asumir este cambio. Por todo iso, formamos unha candidatura xunto con outras demarcacións para participar nestas eleccións, coa que competimos coa candidatura “continuista”, co obxectivo de gañalas e renovar a xunta de goberno e o funcionamento do colexio. Queremos achegar o colexio aos mozos titulados e volverlle a dar o peso que lle corresponde ás Demarcacións Territoriais, como a de Galicia. Para todos os interesados a información completa sobre a nosa candidatura está na páxina www.coitnext.es

PUBLICIDADE