O CCG mostrará nunha xornada as oportunidades que nos abren as tecnoloxías da fala

martes, 2 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

En comunicación, poden facer os novos recursos dixitais o que nós, coas nosas limitacións, non estamos en capacidade de ofrecer? E, aínda máis, pode a nosa comunidade investigadora, as nosas empresas e entidades aproveitar ese ámbito tecnolóxico que expande a fala, rompendo barreiras idiomáticas e de formatos? Responder a estas e outras preguntas está entre os obxectivos da xornada As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega, que terá lugar o vindeiro 16 de outubro de 2018 en Santiago de Compostela e que virá da man da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega.
Segundo informa o CCG, as sesións centraranse no papel que poden xogar as tecnoloxías lingüísticas como ferramentas facilitadoras para a comunicación entre persoas, con especial interese en dous eidos concretos: o da transcrición automática de voz a texto e o da tecnoloxía do procesado de linguaxe natural. A inscrición é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Respecto do programa de relatorios, darán comezo sobre as 9.45 horas coa intervención de Lourdes Lorenzo, do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo, quen falará sobre A accesibilidade aos contidos audiovisuais en Galicia (o estado da cuestión).
Máis tarde, ás 10.30 horas, será a quenda de Francisco Armero Real, director da Área de Accesibilidade de TVE, quen mostrará os traballos actuais da RTVE en materia de accesibilidade. Os relatorios proseguirán logo con Belén Ruiz Mezcúa (directora do Centro Español do Subtitulado e a Audiodescrición), quen falará sobre a evolución do subtitulado nas canles de TV estatais dende 2011. Sobre as 12.30 horas será a quenda de Pablo Romero-Fresco, director de GALMA (Observatorio Galego de Accesibilidade Aos Medios), quen fará unha análise sobre o subtitulado en directo a nivel nacional e internacional. As sesións de mañá rematan con Arantza del Pozo, directora do Departamento de Tecnoloxías da Fala e da Linguaxe Natural de Vicomtech, que fará un percorrido por casos de éxito no ámbito da subtitulación automática.
Pola tarde, José Ramón Pichel, de Imaxin Software, abrirá a sesión de intervencións cun relatorio sobre As tecnoloxías da linguaxe como facilitadoras de medios en galego. Máis tarde, ás 17.30 horas, será a quenda de Pedro J. Moreno, investigador de Google, quen achegará unha reflexión (vía videoconferencia) sobre Desenvolvemento de sistemas de recoñecemento de fala multilingües (o porqué de que Google desenvolva tecnoloxía en galego?).

Ás 18.30 horas falará Carmen García meto, directora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da UVigo, achegando unha panorámica sobre as ferramentas de tecnoloxías da fala en galego.

PUBLICIDADE