O CDTIC Virtual pon a disposición das empresas Rocket.Chat

xoves, 1 de outubro do 2020 Redacción

O Centro Demostrador TIC da AMTEGA publicou na súa web unha nova aplicación na nube dentro do CDTIC Virtual, que xa está a disposición das empresas e das persoas usuarias para a súa proba e avaliación. Trátase de Rocket.Chat, un software co que poderás controlar e xestionar os datos da túa comunicación ou ter a túa propia plataforma de colaboración para mellorar a produtividade do teu equipo.
Rocket.Chat é unha aplicación escalable, gratuíta e de código aberto. Ademais, substitúe o correo electrónico e mellora o fluxo de traballo dixital. O obxectivo principal da solución é comunicar os usuarios entre eles integrando a comunicación escrita dos chats clásicos, salas grupais nas que xuntar equipos e grupos de interese e capacidade para mencionar usuarios individuais. As conferencias, tanto de audio como de vídeo, están integradas dentro das propias salas, de xeito que os usuarios non teñan que cambiar de contexto.
Ademais, esta solución permite a conexión cos servidores de directorio activo corporativos, dobre factor de autenticación, cifrado extremo a extremo entre outras moitas outras como a capacidade de compartir ficheiros.

Sesión demostradora

O vindeiro 7 de outubro o CDTIC retransmitirá por streaming a sesión demostradora Rocket.Chat A última solución de Software Libre para xestión da comunicación corporativa na que o provedor tecnolóxico Queres Tecnoloxías amosará as funcións da aplicación e resolverá as dúbidas das persoas interesadas. A asistencia é de balde previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.gal/rocket-chat-2020.

Aplicacións na nube a través do CDTIC Virtual

A través do CDTIC Virtual, as empresas, as organizacións e as persoas usuarias que o desexen poden probar e avaliar aplicacións a través dun servizo na nube nun contorno privado.
A vantaxe desde servizo é que proporciona unha infraestrutura tecnolóxica xa configurada para probar a solución, sen necesidade de dispoñer dela nin de contar co tempo dun administrador de sistemas e de recursos informáticos. Deste xeito, facilítase que as empresas poidan coñecer e avaliar a utilidade da ferramenta e a adecuación ás súas necesidades das solucións ofertadas.
Até o momento, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual, ademais de Rocket.Chat, son Alfresco, orientada á xestión documental empresarial; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións coa clientela para organizacións do eido social; Prestashop, unha aplicación do sistema de comercio electrónico; NextCloud, un servizo de almacenamento e compartición de ficheiros na nube; Zabbix, unha solución de monitorización de redes; FacturaScripts, un software de planificación de recursos empresariais e de administración da relación coa clientela; Taiga, unha plataforma para a xestión de proxectos áxiles; e tenda en liña con WordPress.
As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como usuarias do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese.

PUBLICIDADE