O CDTIC amosará unha ferramenta para controlar os prezos de venda en liña

luns, 10 de outubro do 2016 Redacción

Fernando Gómez, director executivo de Boardfy

A vindeira semana, o 18 de outubro, o Centro Demostrador TIC (CDTIC), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), organizará nas súas instalacións unha sesión demostradora de balde: Control dos prezos en liña. Controla competidores ou vendedores dos teus produtos en tempo real con Boardfy, en horario de 17 a 19 horas. A quen vai dirixida esta sesión? Pois a persoal directivo, responsábeis comerciais, de mercadotecnia e persoas que desexen pór en marcha un proxecto de comercio electrónico ou controlar a súa canle de vendas en internet. O encargado de impartir a actividade será Fernando Gómez, director executivo (CEO) de Boardfy e presidente do grupo de empresas Predomina.
Con este encontro quérese explicar a importancia do control dos prezos de venda dos produtos que achega un negocio para vendedores en liña e para marcas e fabricantes. O programa da sesión divídese en dous bloques: un encamiñado ás tendas en liña, no que se tratarán aspectos como a estratexia de comercio electrónico, as claves para o éxito, a importancia do prezo ou a facturación fronte á marxe; e outro máis enfocado a fabricantes e marcas, que abranguerá temas como a evolución das vendas en internet, a importancia do prezo no posicionamento de mercado ou o control da canle de venda e o incumprimento do PVR.
Engadir que para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC.

PUBLICIDADE