O CDTIC amosou en 2012 a oferta tecnolóxica galega a máis de 250 empresas dos nosos sectores produtivos

luns, 31 de decembro do 2012 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC), que ten como obxectivo amosar aos sectores produtivos como as novas tecnoloxías poden mellorar a súa competitividade, acolleu durante este ano 2012 dezasete sesións demostradoras nas que participaron máis de 250 empresas dos sectores agroalimentario, sociosanitario, de comercio, do ensino e da automoción. Os asistentes puideron coñecer de primeira man máis de trinta solucións tecnolóxicas específicas que o sector TIC galego pon ao seu servizo.
Outros dos obxectivos do Centro Demostrador TIC é o de formar e capacitar ás PEME e micro PEME galegas nas novas tendencias tecnolóxicas. Así, durante o 2012 o CDTIC ofertou por primeira vez, desde que comezara a súa andaina en xullo de 2011, máis de 150 horas de formación especializada a través de 15 talleres, onde os asistentes puideron adquirir coñecementos sobre Cloud Computing, Aplicacións para smartphones, comercio electrónico, redes sociais como ferramenta de marketing dixital e as últimas novidades sobre realidade virtual e aumentada.
En total, máis de 650 profesionais participaron nas actividades levadas a cabo no CDTIC, o que supón un incremento relativo do 63% no segundo semestre de 2012 con respecto ao mesmo período do ano anterior, xa que o CDTIC entrou en funcionamento en xullo de 2011..
Tanto os profesionais como empresas TIC galegas que teñen participado nas actividades do CDTIC, indican un grao de satisfacción superior a 4 nunha puntuación sobre 5, o que da conta da boa acollida que o Centro Demostrador TIC está a recibir entre as PEME galegas.

PUBLICIDADE