O CDTIC celebrará unha nova sesión demostradora de solucións o 21 de marzo

xoves, 8 de marzo do 2012 Raquel Noya

O Centro Demostrador TIC de Galicia, posto a andar pola Xunta para, entre outras cousas, difundir as vantaxes da integración das TIC nas empresas e facilitar a súa incorporación aos procesos produtivos, vén de anunciar a celebración dunha nova sesión demostradora de proveito, que terá lugar o vindeiro 21 de marzo a partir das 10:00 horas.
Desta volta trátase dunha Sesión Demostradora de Solución Intelligent Datacenter´s que se leva a cabo co obxectivo de dar a coñecer dúas solucións tecnolóxicas: por unha banda a APC para Datacenter´s específica para empresas, e pola outra a ferramenta de xestión intelixente de infraestruturas de Nexans.
A sesión, que se prevé rematar ás 14:00 horas, vai dar cabida á presentación das devanditas solucións nas instalacións do CDTIC, así como á visita dun Datacenter en produción, para o que haberá que saír do Centro.
O horario queda programado entón da maneira que segue:
10:00 Apertura da Sesión e presentación do Centro Demostrador TIC de Galicia
10:15 Presentación de Solucións para Datacenters
11:15 Pausa
11:45 Presentación da Solución de xestión intelixente LANSense e Demo on-line
12:45 Saída do CDTIC para visitar un Datacenter en produción
13:00 Chegada ao Datacenter e exposición do proxecto implantado no mesmo
14:00 Clausura
A sesión vai dirixida aos responsables da área informática de empresas con necesidades TIC no ámbito de infraestruturas de rede e xestión, e polo mero feito de asistir, as persoas interesadas poden beneficiarse de balde do Plan de Incentivos que oferta o propio CDTIC, deseñado para facilitarlle o acceso a formación punteira en materia de novas tecnoloxías aplicadas á empresa.
Para participar nesta sesión demostradora, que por certo é de balde, é preciso inscribirse previamente a través da web oficial do Centro Demostrador ou chamar ao 881 995 200, onde recibiremos completa información sobre esta e outras sesións a celebrar.

PUBLICIDADE