O CEIP Ponte dos Brozos recibe un recoñecemento internacional de Chromville.com

luns, 9 de xuño do 2014 Redacción

Martín no centro da imaxe xunto a Hugo Vieites e Naiara que tamén conseguiron unha mención honorífica

O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, que a semana pasada celebrou no Centro Tecnolóxico local a terceira edición das Xornadas de Experiencias TIC (uns encontros para dar a coñecer diferentes traballos innovadores sobre uso das TIC con potencialidades no ensino e na programación), recibiu unha nova mención de innovación educativa. O premio en cuestión (primeiro premio do certame no que se insire), que veu da man dos responsábeis da web Chromville.com, foi comunicado ao centro docente galego a través dunha sesión de videoconferencia desenvolvida o pasado venres.
O galardón, de carácter internacional, veu motivado polo bo facer do alumno de terceiro curso de Educación Primaria Martín Souto Aldao, baixo a coordinación da súa mestra Begoña Codesal Patiño. O seu cometido consistiu no emprego lúdico-educativo de materiais baseados nas tecnoloxías e metodoloxías de realidade aumentada. Os outros finalistas do certame foron Mehreen Naqvi de Pennsylvania. Estados Unidos e Madalyn Deyoung de Michigan, tamén dos Estados Unidos.
Máis polo miúdo e segundo informa o CEIP Ponte dos Brozos, o desafío baseouse na creación dunha historia dotándoa de animación en 3D e empregando a contorna que ofrece a devandita web de xeito gratuito. A comunidade educativa do centro arteixán xa amosou a súa fonda satisfacción por este novo logro educativo “que impulsa a un colexio público a nivel internacional”, explican.
Sinalar que Chromville.com é unha iniciativa dirixida a fomentar a aprendizaxe innovadora no eido internacional. A súa actividade baséase sobre todo en fornecer unha aplicación educativa baseada en 3D e en realidade aumentada, “un universo interactivo onde os nenos aprenden divertíndose grazas ao uso das novas tecnoloxías”, sinalan os responsábeis de Chromville.com, que a través da súa ferramenta de balde permiten aos nenos converterse en protagonistas das súas propinas historias. A aplicación é tamén a base do concurso internacional lanzado dende Chromville.com, destinado a localizar no mundo os mellores traballos desenvolvidos a raíz da app en cuestión.

PUBLICIDADE