O CESGA amosará os logros de RuralSchoolCloud en LibreCon 2015

martes, 27 de outubro do 2015 Redacción

A investigadora do CESGA, María J. Rodríguez Malmierca

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vai estar presente en LibreCon 2015, o gran evento de tempada (a nivel galego, estatal e internacional) en materia de programación aberta e negocios TIC (previsto para estes 29 e 30 de outubro, en Santiago na Cidade da Cultura). Máis polo miúdo, o Centro de Supercomputación amosará os froitos acadados polo proxecto RuralSchoolCloud, un programa coordinado polo CESGA que contou coa participación da Universidade de Santiago e que serviu de ampliación á iniciativa comezada en 2010 polo dito centro coa súa premiada iniciativa de investigación Rural Schools & Cloud Computing. Esta iniciativa, como recordaremos, ten a súa aplicación práctica nas integrantes da Rede de Escolas na Nube: dúas ducias de centros rurais agrupados en 4 CRAs da nosa terra.
Os logros de RuralSchoolCloud serán dados a coñecer pola investigadora do CESGA María J. Rodríguez Malmierca. A cita é o 29 de outubro a partir das 16.00 horas na Sala Turing. A intervención de Rodríguez Malmierca complementarase coa de Diego Nieto, tamén investigador do CESGA e un dos principais impulsores de RuralSchoolCloud.

Unha iniciativa contra a fenda dixital urbano-rural

Como lembraremos, o proxecto RuralSchoolCloud diríxese a explorar metodoloxías baseadas nas TIC para reducir as fendas dixitais entre o urbano e o rural a través dunha proposta para mellorar o xeito de colaboración e aprendizaxe nas escolas non urbanas. Segundo nos teñen adiantado os propios Malmierca e Nieto acerca dos motivos que alentaron a súa posta en marcha, máis de 14.4 millóns de nenos en idade escolar viven en zonas rurais de Europa, en comunidades que precisan, para un desenvolvemento non discriminatorio, do mantemento de servizos básicos como a educación. Polo tanto, o reto hoxe en día é manter servizos educativos completos e de calidade en centros dispersos que contan con menos nenos cós das cidades e, sobre o papel, con menos posibilidades de beneficiarse da actividade tecnolóxica das cidades. Neste senso e a xeito de resposta, o proxecto RuralSchoolCloud concibiu unha solución “de baixo custo pero de gran calidade” baseada nas TIC para mellorar a rede escolar, o ensino e a aprendizaxe, e para reforzar a dimensión europea da educación escolar. O obxectivo do proxecto, que rematará este mes de novembro (o pasado 10 de outubro amosáronse en Santiago as principais conclusións do mesmo), consistía en ofrecer formación e ferramentas de colaboración baseadas na nube a mestras e mestres para que deseñaran para os seus estudantes unha proposta formativa “rica e diversa”, na que puideran colaborar de forma creativa, elaborar materiais conxuntamente, e adquirir competencias dixitais.

LibreCon 2015

AGASOL, ASOLIF e Clúster TIC Galicia organizan a quinta edición de LibreCon, conferencia de negocio e tecnoloxías abertas, estes días 29 e 30 de outubro en Santiago de Compostel. A Cidade da Cultura congregará durante dúas xornadas a responsábeis do mundo da empresa, a administración e a educación para dar a coñecer tendencias e casos de éxito baseados en tecnoloxías abertas que están a facer máis competitivas e innovadoras a empresas e administracións públicas.

PUBLICIDADE