O CESGA desenvolve un proxecto virtual para orientar aos adolescentes en materia de estudos e opcións laborais

martes, 9 de decembro do 2008 Raquel Noya

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) está a participar nun proxecto europeo que aborda o problema da formación dos pais e nais de adolescentes á hora de orientar aos seus fillos nos seus estudos ou opcións laborais futuras.
Trátase do proxecto Parents, co que pretenden demostrar que pais e nais “xogan un papel crucial na planificación das carreiras profesionais dos seus fillos”. Aínda que este tipo de investigacións xa se veñen realizando en USA e Canadá dende hai 10 anos, en Europa, segundo afirman responsables do Cesga, “é unha temática por explorar”.
Este proxecto europeo, no que participa o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), intenta experimentar un modelo de formación, orientación e aprendizaxe facendo uso das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, non só para proporcionar apoio para o desenvolvemento de competencias e habilidades entre os pais e nais, senón para reforzar o papel da formación entre iguais na educación de pais (pais e nais compartindo e aprendendo nunha comunidade de aprendizaxe con obxectivos comúns).
O proxecto englóbase dentro da iniciativa de Aprendizaxe Permanente da Comisión Europea (Programa Long Life Learning – Grundtvig), e nel participan 7 institucións europeas, entre as que se atopa o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O coordinador do proxecto Parents é a institución de educación superior de Lodz -Polonia- Academy of Management (SWSPiZ).
O CESGA, como socio tecnolóxico do proxecto, está a desenvolver un entorno virtual baseado na plataforma de software libre Joomla, a través do que pais e nais de seis países europeos (España, Polonia, Romanía, Italia, Eslovaquia e Austria) poderán intercambiar ideas e información á hora de orientar aos seus fillos e fillas tanto na elección de estudos como de cara á incorporación ao mercado laboral.
Este entorno virtual dispoñible nalgúns dos idiomas dos países que participan no proxecto (español, polaco, rumano, italiano, eslovaco e austríaco), conta con ferramentas propias do labor orientador: ferramentas de información, ferramentas de comunicación asíncrona, exercizos de autoestudo, exemplos de boas prácticas, etc.

PUBLICIDADE