O CESGA introduce aos docentes no uso e posibilidades dos mapas interactivos

xoves, 21 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vai organizar o 9 de xullo, co CPI O Cruce de Cerceda (A Coruña) e coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, un obradoiro de balde de nivel básico sobre o uso de mapas interactivos e móbiles dirixido a docentes e persoas relacionadas coa docencia. O taller, que terá unha duración de dúas horas e media, artellarase en dúas sesións con 15 prazas cada unha, en horario de 9.00 a 11.30 horas e de 12.00 a 14.30 horas.
Quen queira participar ten que formalizar a inscrición na conta de correo e-learning@cesga.es. Ademais, quen desexe máis datos sobre a actividade ten á súa disposición a web da Aula do CESGA.
Entre outros contidos, o obradoiro inclúe unha introdución ao SIX (Sistemas de Información Xeográfica) e formación práctica sobre os dispositivos móbiles e as súas capacidades para localizar e capturar datos. Tamén se aprenderá o manexo da aplicación educativa gratuíta de PhenoloGIT (www.phenologit.org) e o servidor de mapas (maps.phenologit.org), que, como lembraremos, oriéntanse á recompilación en tempo real de datos sobre especies naturais por parte dos estudantes. Por outra banda, a actividade formativa tamén se centrará na análise e o filtrado da información recompilada para o traballo na aula, en aplicacións e exemplos de actividades a desenvolver na aula cos datos obtidos, en ferramentas para usar na aula (creación e xestión de contas de estudantes e profesores) e nas posibilidades avanzadas do software de análise de balde QGis.

PUBLICIDADE