O CESGA renova a súa infraestrutura de servizos cloud para os equipos científicos

venres, 25 de xuño do 2021 S. P.

O CESGA vén de informar dunha relevante renovación da súa infraestrutura de servizos cloud para investigación e innovación. O proceso incluíu a posta en funcionamento dun novo clúster adicado a servizos de cómputo distribuído que, xunto co resto dos recursos postos en xogo, permitirá ao Centro de Supercomputación de Galicia incrementar a súa participación nas grandes colaboracións europeas nesta área.
O novo clúster amplía complementa a infraestrutura xa en servizo e faino achegando en total 6.240 núcleos de proceso, unha memoria agregada de 24 TB e unha capacidade de almacenamento de 3 PB.
En concreto trátase dun conxunto de 114 nodos de computación con 48 núcleos de proceso, 192 GB de memoria e 960 GB de disco en cada nodo. A maiores, proporciona 16 nodos de almacenamento con 48 núcleos de proceso, 192 GB de memoria e 193 TB de almacenamento en cada un destes nodos.
Segundo informan fontes do CESGA, “esta ampliación da infraestrutura permitirá atender as demandas crecentes da comunidade científica, de modo especial aquelas que requiren cálculos de alta produtividade, os cales poden facilmente ser distribuídos entre todos estes nodos”. Deste xeito, os usuarios do CESGA beneficiaranse da existencia desta infraestrutura “sen ter que realizar cambios nos seus procesos, posto que unha boa parte da mesma incorporarase nunha contorna de cálculo común co supercomputador FinisTerrae”. Os grupos usuarios tamén poderán levantar a demanda clústeres virtuais con maior cantidade de recursos computacionais segundo os precisen.
O CESGA explica que esta fórmula de uso “é moi apreciada polos equipos de investigación científica”, xa que poden delegar traballos custosos dende o punto de vista computacional en máquinas despregadas no Cloud-HPC-CESGA e manter os seus equipos locais operativos para outros traballos simultaneamente.
A adquisición deste equipo foi posíbel grazas a financiamento finalista para investigación achegada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), polo Ministerio de Ciencia e Innovación (MICIN), así como polos patróns da Fundación CESGA, a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

PUBLICIDADE