O CESGA visita as instalacións de Gradiant

venres, 13 de decembro do 2013 Redacción

Javier González Castaño e Fernando Pérez González -Gradiant-, e Ignacio Lopez Cabido -CESGA-, durante a presentación. Foto: Gradiant.

Dous dos nosos grandes piares da investigación TIC xuntáronse esta semana para coñecer mellor cadanseu traballo e compartir experiencias. Falamos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e máis do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), que veñen de celebrar unha xuntanza no segundo dos complexos de I+D, emprazando no Campus de Vigo. Máis polo miúdo, do que se tratou foi dunha visita institucional dos profesionais do CESGA ás instalacións de Gradiant, cuxos investigadores recibiron aos seus convidados con sinceras felicitacións polo seu traballo despregado ao longo das dúas décadas de vida que, precisamente, están a celebrarse este ano (cunha gran cita prevista para este luns).

Javier García Tobío, director do CESGA


Segundo nos contan dende Gradiant, durante a xornada, ámbolos centros amosaron as súas liñas de actuación, investigación e capacidades, coa vontade de atopar novas formas e vías de colaboración mutua. A visita estendeuse durante boa parte da xornada deste xoves. Durante a mesma, os compoñentes da delegación de CESGA tiveron oportunidade de charlar cos investigadores de Gradiant, e observar demostracións funcionais dos proxectos nos que traballan.
Os representantes dos dous centros manifestaron a súa vontade de explorar vieiros que permitan unha colaboración máis estreita, eficiente e produtiva entre ambos, “o que tamén permitiría mellorar o proceso de transferencia tecnolóxica cara ás empresas e o tecido industrial de Galicia”, informaron.

PUBLICIDADE