O CETISS impulsará a transformación dixital no ámbito socio sanitario

martes, 29 de maio do 2018 Redacción

O presidente da Xunta avanzou hoxe durante a sinatura do convenio con Indra para a posta en marcha do Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras no Ámbito Socio Sanitario (CETISS), que este novo proxecto permitirá impulsar a transformación dixital en eidos como o envellecemento activo, a tarxeta social, o fogar dixital ou a alimentación saudable.
O CETISS comezará a súa andaina este verán e concentrará coñecemento e actividades de innovación tecnolóxica para afrontar e dar resposta aos retos nestas áreas, coa formación dunha comunidade estable entre empresa, Universidade, institucións sanitarias e centros I+D+i. Ademais, concibirá produtos e solucións que se poidan exportar e terá un centro demostrador de produtos.
Núñez Feijoo asegura que «participar na revolución tecnolóxica supón deixar un legado de prosperidade para os que nos han suceder» e subliñou que a creación do CETISS é froito do Pacto dixital de Galicia, asinado en 2013 con varias empresas, entre elas Indra, para seguir traballando no ámbito tecnolóxico. Ademais, en virtude deste convenio, Indra colaborará no Plan de talento dixital de Galicia para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas desde idades temperás con iniciativas como as Bolsas Áncora e Tecnólogos por un día. O responsable do Executivo galego tamén resaltou que con esta nova iniciativa, Indra renova o seu compromiso con Galicia. Non en van, xa participou noutros proxectos de relevancia para a Comunidade como a transformación dixital da Sanidade coa Historia clínica electrónica ou a Historia social única.

PUBLICIDADE