O CGAC acolle mañá unha xornada dedicada ás ferramentas da web 2.0

xoves, 13 de outubro do 2011 Raquel Noya

A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, constituída en abril deste ano para fomentar a implicación e un maior achegamento entre o ámbito científico e o da comunicación, está a ultimar os detalles que restan para celebrar con éxito a súa primeira actividade formativa, que terá lugar mañá venres, 14 de outubro.
Trátase dunha xornada dedicada ás Ferramentas da web 2.0, que ten como obxectivo intercambiar coñecementos entre as persoas asistentes que poidan ser de utilidade para o seu traballo diario no ámbito da comunicación e divulgación científica e tecnolóxica.
Segundo explican nun comunicado os membros da Xunta directiva, “non se trata de dar un cursiño máis”, senón de explicar as potencialidades de cada ferramenta baseada na web 2.0 que temos á nosa disposición na actualidade, como Google Docs, Google Calendar, os programas de animación 3D Blender e Maya, as aplicacións móbiles... así como achegar as nocións básicas para comezar a traballar con elas.
A xornada, que terá lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) entre as 18:00 e as 20:00 horas, vai dirixida especialmente aos socios da AGC CCT porén a organización ábrea a todas aquelas persoas interesadas na divulgación e no uso das ferramentas 2.0.

PUBLICIDADE