O CITIC acolle dende o 26 de setembro un curso avanzado (PMP) en dirección de proxectos

venres, 5 de setembro do 2014 Redacción

Desde o vindeiro 26 de setembro e até o 21 de novembro, a aula de Formación de CITIC acollerá os venres pola tarde o Curso PMP en Dirección e Xestión de Proxectos organizado en colaboración con Vitae Consultores. O obxectivo da actividade formativa, cuxa duración total é de 35 horas, é que os asistentes coñezan os procesos principais da xestión de proxectos tecnolóxico-dixitais (TI), así como o vocabulario estándar e as principais ferramentas que soportan a xestión dun proxecto das devanditas características.
Segundo informan fontes do CITIC, a achega formativa cobre todo o contido e as horas mínimas docentes precisas para que os alumnos se presenten ao exame de certificación PMP do instituto Project Management.
A formación será impartida a través de 3 módulos: o primeiro é o Marco Conceptual da Dirección de Proxectos (formación sobre que é un proxecto, como encaixan na estrutura das organizacións e como se establece unha linguaxe común), o segundo o módulo Áreas de Coñecemento da Dirección de Proxectos (contidos sobre as principais técnicas e ferramentas para a correcta xestión dun proxecto) e o terceiro é Conceptos Básicos de Microsoft Project 2010. Respecto a este último, sinalar que o obxectivo é “amosar os aspectos máis relevantes desta ferramenta á hora de poder xestionar iniciativas: nova interface de traballo, opcións de edición e propiedades de tarefas, relación de labores a desenvolver, ruta crítica, esquematización dun proxecto, diagrama Pert, traballos con varios proxectos, vistas, táboas, filtros, etc”.
O CITIC e Vitae tamén informan que cada alumno recibirá a presentación empregada durante o curso co contido teórico, os exercicios expostos nas clases xunto coas solucións, algúns documentos con persoais para a xestión de proxectos, o software Opensource para a xestión de proxectos, bibliografía e ligazóns para descargar Microsoft Project con licenza de proba gratuíta.
A formación correrá a cargo de Carlos González Jardón, enxeñeiro técnico en Informática de Xestión pola Universidade de Vigo e arestora coordinador de proxectos de banca en Tecnocom. Aqueles que estean a pensar en inscribirse ao curso poden facelo enviando un correo electrónico a Marcos Carbonell (marcos@vitaedigital.com).

PUBLICIDADE