O CITIC ampliará as súas infraestruturas con orzamento do Plan Renove Universitario

mércores, 12 de xullo do 2023 S. P.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou un Plan de Infraestruturas Universitarias co obxectivo de “seguir avanzando na consolidación da excelencia e a calidade do sistema universitario galego”. Fíxoo durante a sinatura do protocolo de colaboración entre o Goberno autonómico e as tres universidades públicas galegas que posibilitará estas melloras e que vai a mobilizar máis de 100 millóns de euros ata 2026. Entre os proxectos previstos inclúense os novos edificios do CITIC 2 da UDC.
Ademais, o protocolo inclúe o Centro de Investigación da Industria Intelixente de Ferrol e o Centro de Enxeñaría Aeroespacial de Ourense, entre outros proxectos relevantes.
Sobre os plans da UDC para a Coruña, o seu reitor, Julio Abalde, precisou que a intención é construír o CITIC 2, dedicado á investigación en Intelixencia Artificial e Big Data (análise da información a gran escala) e que formaría parte da denominada Cidade das TIC.
Rueda salientou que este proxecto conxunto reforza a colaboración entre a Xunta e a educación superior, ao tempo que garante o estado óptimo dos edificios, aulas ou laboratorios dos campus. “Temos tres universidades con diferentes necesidades de rehabilitación e de facer novos edificios, necesidades de sedes dignas, modernas e adaptadas a todos os cambios que están xa aquí e os que teñen que vir e dos que as universidades teñen que ser ademais promotoras e os mellores expoñentes”, destacou.

PUBLICIDADE