O CITIC da UDC co-organiza as XV Xornadas de Enxeñaría Telemática

xoves, 21 de outubro do 2021 S. P.

O CITIC e a Sociedade Científica de Enxeñería Telemática organizan este mes de outubro as XV Xornadas de Enxeñería Telemática, unhas xornadas que achegan un espazo de debate e reflexión ao servizo dos profesionais da docencia que investigan cuestións ligadas ás redes e aos servizos telemáticos. As xornadas JITEL 2021 desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de outubro de 2021.
Segundo explica o CITIC, coa celebración deste evento “preténdese fomentar, por unha banda, o intercambio de experiencias e resultados, e, pola outra, a comunicación e cooperación entre grupos de investigación que traballan en temas relacionados coa telemática”.
En paralelo ás tradicionais sesións dos congresos científicos, organizaranse actividades que estimulen o intercambio de ideas entre o persoal investigador experimentado e novel. As xornadas serán inauguradas o día 27 a primeira hora polo reitor da UDC, Julio Abalde, polo director xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Arturo Azcorra Saloña, e polo director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), Manuel Francisco González Penedo. A sesión de apertura tamén contará coa presenza do presidente do comité do programa, Víctor Manuel Carneiro Díaz.

PUBLICIDADE