O CITIC da UDC recibe financiamento estatal para un proxecto de tecnoloxía inclusiva con ASPACE Coruña

mércores, 22 de xullo do 2020 S. P.

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, concedeu ao Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC unha axuda de 30.000 euros no marco da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. O proxecto leva por título Mozos para unha tecnoloxía inclusiva: promovendo solucións tecnolóxicas con e para estudantes de secundaria e persoas con parálise cerebral – JÓVENES TECH-IN”.
A iniciativa innovadora realizarase xunto coa entidade ASPACE Coruña, asociación referencial en Galicia para a atención integral a persoas con parálise cerebral.
Este proxecto está liderado polo subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, e a directora xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz Vargas. A través del contémplase “a participación activa de estudantes de instituto e persoas con discapacidade para resolver retos tecnolóxicos de aplicación para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral”.
A previsión é crear grupos de traballo formados polo alumnado de diferentes centros educativos e polas persoas usuarias de ASPACE Coruña, a quen se propoñerán diferentes retos relacionados coa robótica e a Realidade Aumentada para a rehabilitación, o fogar dixital e o desenvolvemento de actividades de ocio realizadas a medida, entre outros.
Cómpre salientar que o CITIC e ASPACE Coruña acadaron recentemente un convenio de colaboración a través da UDC, para consolidar a cooperación existente entre ambas entidades, co “fin de promover relacións de beneficio mutuo en materia de colaboración académica e mellorar as actividades ás que ambas se dedican por separado e optimizar os recursos”.
O CITIC lembra que o labor solidario, inclusivo e social relacionado coas tecnoloxías vai no seu ADN dende o comezo da súa andaina. De feito, ten como principais obxectivos “potenciar o uso das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións por todos os colectivos da sociedade atendendo á súa diversidade, promover e favorecer o traballo conxunto entre organismos de persoas con discapacidade, institucións comunitarias e universidades, así como fomentar o desenvolvemento e uso das TIC orientadas a colectivos de persoas discapacidade e familias, satisfacendo as súas necesidades e expectativas”.

PUBLICIDADE