O CITIC mostra a súa aposta polo sustentábel no novo Encontro Solar da UDC

mércores, 29 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Os participantes nunha das anteriores edicións do encontro na cuberta do CITIC

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña vai volver participar activamente nun dos máis senlleiros eventos medioambientais da tempada na nosa terra: o Encontro Solar na UDC, que vai pola súa sétima edición e que desta volta celébrase o 31 de maio. Trátase, como seu nome indica, dunha actividade colectiva para mostrar e reivindicar novos e sustentábeis xeitos de obter enerxía, neste caso concreto enerxía solar, no que o CITIC é un claro referente (conta entre outros recursos cunha instalación fotovoltaica na súa cuberta de 60 paneis de silicio monocristalino que suman un total de 9kW e que lle permite importantes taxas de eficiencia enerxética e un destacado sistema intelixente de alumeado).
Segundo informan as entidades impulsoras da cita (a UDC, a asociación ecoloxista ADEGA, a Fundación Alcoa), “o Encontro Solar é unha xornada de celebración na que organizamos un xantar colectivo, xuntando o maior número posíbel de fornos e cociñas solares, dándolle visibilidade ao aproveitamento desta enerxía limpa e inesgotábel, e tamén, á degustación de pratos variados cociñados co sol”.
A visita ao CITIC (guiada por J. M. Giz, técnico superior de mantementos da UDC) está prevista para as 12.30 horas, logo da montaxe dos fornos e de comezar a preparar o xantar. A continuación celebrarase un xantar colectivo e unha degustación de comida popular. Amais, ao longo da xornada está prevista unha mesa de experimentación e aprendizaxe de distintos aparellos solares e unha visita á exposición itinerante A Enerxía Solar da man de ADEGA.

PUBLICIDADE