O CITIC participará esta semana no principal foro de innovación en España

martes, 11 de febreiro do 2014 Redacción

Imaxe da pasada edición do foro Transfiere

O CITIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, participará desde mañá en Transfiere, o foro máis importante da innovación en España que reunirá os días 12 e 13 de febreiro en Málaga aos axentes nacionais máis destacados de I+D+i e representantes internacionais.
Durante estes dous días, o CITIC manterá encontros B2B con diferentes empresas e representante da Administración para presentar os proxectos de investigación nos que traballa o Centro na actualidade. É a segunda ocasión na que participa, tralo éxito do ano pasado no que mantivo reunións con diferentes organismos entre os que se incluíu o Concello de Málaga, unha das cidades españolas nas que o proxecto SmartCity estase desenvolvendo.
Segundo Jesús M. Díaz, Responsable de Promoción Tecnolóxica do CITIC e representante do Centro en Transfiere, “un dos nosos principais obxectivos é fomentar a transferencia tecnolóxica, facendo chegar ás empresas e sociedade os beneficios das nosas investigacións. A participación nestes foros é moi importante xa que nos permite dar a coñecer todas as nosas capacidades, as nosas 12 Áreas Tecnolóxicas e os traballos que realizan os máis de 250 investigadores adscritos ao CITIC”.

PUBLICIDADE