O CNTG abre o prazo de inscrición para as probas certificadoras dos seus cursos

xoves, 3 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, emprazado no barrio compostelán de Conxo, vén de informar da apertura do prazo para concorrer nos exames de certificación das diversas actividades formativas que se desenvolveron no Centro durante o primeiro e/ou segundo trimestre de 2010. Os exames, para os que xa se pode levar a cabo a reserva de data e hora, desenvolverase entre o 15 e o 17 de xuño en xornadas de mañá e de tarde, informa o CNTG. Os pasos a seguir para efectuar a inscrición son os seguintes: logo de accedermos á páxina de rexistro, o sistema guiaranos para completar a matrícula e efectuar a reserva, a continuación do cal o propio equipo do Centro faranos chegar a confirmación de asistencia.
Isto, informa o CNTG, implica o pagamento por parte da Consellería de Traballo dos custes de certificación, “pagos que no caso de non asistencia, non serán reintegrados á Administración”. Deste xeito, de incumprirse o compromiso de asistencia á proba, poderanse perder os futuros dereitos de concorrencia a estas actividades de certificación ou de formación. O prazo de inscrición ficará aberto dende as 9:00 do día 10 de maio ata ás 24:00 horas do día 31 de maio, data límite para efectuar a súa inscrición.
Os cursos de Edición dixital con Photoshop CS4, Xestión de proxectos con Microsoft Project 2007 e Administración de redes wireless, certificación CCNA wireless manterán aberto o prazo de inscrición ata o día 7 de xuño ás 24:00 horas.

PUBLICIDADE