O CNTG acolle o día 13 de decembro un seminario de introdución ao concepto Big Data

luns, 12 de novembro do 2012 Redacción

Organizado polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar e impartido por Oracle, o vindeiro día 13 de decembro, de 9:30 a 13:30 horas, celebrarase no salón de actos do CNTG un seminario técnico sobre introdución a Big Data: Captura, tratamento e análise de cantidades voluminosas de datos desestruturados (blogs, redes sociais etc..) obtidos de diferentes fontes. No seminario avaliaranse os conceptos e fundamentos do Big Data e o procesamento de datos, os casos de uso (para que se emprega?), a tecnoloxía Hadoop, as bases de datos noSQL, a linguaxe R e, finalmente, as solucións que ofrece Oracle ao Big Data.
A xornada está dirixida sobre todo a administradores/as de bases de datos, administradores/as de sistemas, enxeñeiros/as de soporte, consultores/as técnicos/as, desenvolvedores e programadores/as e, en xeral, persoal técnico interesado en adquirir coñecementos sobre Big Data.
O relator da xornada será Héctor Navarro, instrutor da equipa de formadores de Oracle University. Héctor Navarro, profesional con ampla experiencia en diferentes empresas de tecnoloxía, é unha das tres únicas persoas en España en posesión da certificación OCM (Oracle Certified Master). As súas areas de especialización inclúen dende a administración da base de datos Oracle á alta dispoñibilidade, a virtualización e incluso a definición e desenvolvemento de cursos e materiais sobre novos produtos tecnolóxicos que xorden no mercado.
O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 12 de decembro. O acceso ao salón de actos para aquelas persoas non inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento.

PUBLICIDADE