O CNTG e a Rede CeMIT levan os seminarios técnicos do centro a toda Galicia

luns, 6 de abril do 2015 Redacción

A Rede CeMIT inicia esta semana unha nova andaina comunicativa, co obxectivo de levar a todos os recantos, en tempo real e por videconferencia, as actividades técnicas que se desenvolven no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. Esta adaptación da Rede como prolongación integral do CNTG e dos seus seminarios formalizarase este martes 7 de abril, coa achega da Xornada Enfoques metodolóxicos para a xestión de proxectos: comparativa PMI, Prince2 e ISO 21500. O obxectivo desta colaboración entre a Rede de Aulas CeMIT e o CNTG non é outro que “descentralizar actividades e ampliar a posibilidade de asistencia e participación a todas aquelas persoas interesadas, con independencia do lugar no que residan”.
Ademais, quérense evitar desprazamentos ou imposibilidades de asistencia debido a distancias físicas. O acceso a estes seminarios realízase cunha inscrición previa a través do portal web do CNTG ou da web da Rede CeMIT, no caso de que vaiamos seguilos a través de videoconferencia. Os seminarios son de balde, condicionados ao aforo do local. O CNTG enviará un certificado por correo postal a todas as persoas que completen a súa asistencia.
Como dixemos, o primeiro destes seminarios é Enfoques metodolóxicos para a xestión de proxectos: comparativa PMI, PRINCE2 e ISO 21500, e desenvolverase este 7 de abril no CNTG, en horario de 09:30 a 13:30 horas. Poderá ser seguido nas Aulas CeMIT de Abegondo, A Cañiza, Celanova, Cuntis, Oroso, O Vicedo, Pontevedra, Tomiño, San Sadurniño e Vigo.
Na xornada, informa o CNTG, presentaranse os diferentes enfoques metodolóxicos existentes para a xestión de proxectos tecnolóxicos e innovadores nunha empresa. Explicaranse as principais características de cada un deles a través dunha comparativa sobre o ámbito de aplicabilidade das distintas referencias (guía de PMBOK, Prince2 e a ISO 21500) amosando aos/ás asistentes como utilizalas nas diferentes tipoloxías do ciclo de vida dos proxectos. O relator da xornada será Alfred Maeso, especialista en xestión de proxectos e análise de negocios na empresa Netmind con máis de 10 anos de experiencia no devandito tipo de xestión e en consultoría e servizos TI para diferentes organizacións.
Dentro da planificación de actividades do CNTG está previsto celebrar na primeira quincena de maio outros 3 novos seminarios que se ofertarán ás Aulas CeMIT interesadas en participar:

  • 5 de maio: Tendencias Lean Kanba para a mellora de xestión de proxectos e servizos IT
  • 7 de maio: Administración avanzada de MySQL
  • 12 de maio: Seminario versado en PHP

PUBLICIDADE