O COETG-AETG participará no Culturgal achegándonos á historia das telecomunicacións

mércores, 27 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Comezou a conta atrás para o inicio de Culturgal, a gran feira da cultura galega que converte o Pazo da Cultura de Pontevedra, durante unha fin de semana enteira, nun fervedoiro de creatividade, innovación, proxectos pioneiros e prometedoras colaboracións. Para facernos unha idea da súa importancia e significado, a edición deste ano, que se celebra entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, prevé reunir baixo un mesmo teito a máis de 15.000 persoas. Esta undécimo segunda entrega do salón Culturgal volverá ter vertentes TIC. Amais do recanto de debate arredor dos videoxogos que propoñen as nosas empresas do sector, estarán presentes o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) xunto coa Asociación Puntogal.
O COETG e a AETG lembran que se trata da primeira vez que participan na feira pontevedresa, e farano apoiando ao máximo a difusión e o espallamento do dominio galego, o gal. “Esta”, explican o colexio e a asociación, “é unha máis das múltiples iniciativas que estamos a desenvolver froito do acordo de colaboración coa Asociación PuntoGal”. Na feira, as enxeñeiras e os enxeñeiros de Telecomunicación da nosa terra compartirán stand coa dita entidade para ofrecer aos asistentes “unha actividade dirixida á achegar as novas tecnoloxías aos máis novos”, consistente na montaxe dun equipo de Realidade Virtual sobre a historia das telecomunicacións e a profesión do enxeñeiro de telecomunicación”. Este equipo de Realidade Virtual, engade o COETG, ofrecerá ao usuario unha experiencia envolvente que lle permitirá interactuar en diferentes acontecementos históricos nos cales as telecomunicacións xogaron un papel moi importante.
O COETG-AETG terá presenza no stand número 53, onde as e os seus integrantes ofrecerán calquera tipo de información relacionada coas actividades propias do Colexio e a Asociación, dirixidas sobre todo “á concienciación dos beneficios do uso da tecnoloxía para a mellora da calidade de vida das persoas”.

PUBLICIDADE