O COETG convoca a quinta edición dos seus premios a iniciativas TIC

venres, 7 de setembro do 2007 Raquel Noya

Co obxectivo de recoñecer un proxecto empresarial emerxente no ámbito das TIC, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), vén de convocar a quinta edición do Premio Gerardo García Campos 2007 á mellor iniciativa empresarial no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación . Tanto o COETG como a Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos coinciden en que debería ser galardoado co devandito premio aquel proxecto empresarial do ámbito das TIC que saliente nalgunha das seguintes áreas: introdución das TIC en sectores nos que acheguen valor en procesos tradicionais; desenvolvemento de produtos aplicables en mercados amplos; orientación á exportación; creación de emprego tecnolóxico; actividade en I+D+i; aumento do espectro de valor no sector das TIC (contidos) e desenvolvemento de produtos de interese social.
O premio, que ten unha dotación económica de 6.000 euros, será entregado no marco da XII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, punto de encontro dos profesionais e das empresas do sector das Telecomunicacións, o vindeiro venres 19 de outubro no Gran Hotel da Toxa en Pontevedra.
Poderán concorrer ó concurso, todas aquelas pequenas e medianas empresas (pemes) privadas relacionadas co sector das TIC que leven constituídas dende hai menos de cinco anos dende a data da convocatoria. Ademais, ó estar considerada a Fundación de interese galego e de contar co protectorado da Consellería de Innovación, os proxectos que se presenten deberán estar vinculados a Galicia e cumprir algún dos seguintes requisitos: que os socios fundadores sexan galegos, que a sede social estea na nosa terra ou que o proxecto empresarial repercuta de xeito directo en beneficio dela.
O prazo de recepción dos proxectos rematará o vindeiro sábado 29 de setembro de 2007.

PUBLICIDADE