O COETG e a AETG celebran o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012 cun amplo abano de actividades

venres, 11 de maio do 2012 Raquel Noya

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas e festivo no noso país, celébrase tamén o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día de Internet, dous eventos que o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vai conmemorar, sen escatimar folgos, con actos a desenvolver ata finais de mes.
As actividades comezan o luns, 14 de maio, cunha xornada sobre Economía do Mar que a entidade organiza en colaboración con Ineo, en Vigo.
O Colexio reserva o martes para levar a cabo o seu Acto Institucional coa Xunta de Galicia, e o mércores para celebrar unha conferencia sobre modelos de comunicación actuais, organizada pola Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo, que trae como relator convidado ao profesor Mike Devetsikiotis, da North Carolina State University.
O día grande dos actos de celebración chega o xoves, coa publicación do Manifesto do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e unha nova entrega da revista A nosa Rede, cun especial DMTSI 2012, dispoñible de balde na web da AETG.
O xoves seguinte, o 24 de maio, o COETG organizará unha visita ás instalacións de telecomunicacións do Aeroporto de Santiago de Compostela, para os colexiados e/ou asociados que estean interesados en coñecer de primeira man esta infraestrutura “clave”, segundo din, “para o desenvolvemento económico e social de Galicia”.
E xa como colofón a esta festa, o vindeiro venres, día 1 de xuño, a entidade celebra o seu tradicional Concerto das Telecomunicacións e da Sociedade da Información na Coruña, que vai xa pola V edición.

PUBLICIDADE