O COETG informa de que o prazo para solicitar o cambio das liñas TRAC remata o vindeiro martes

venres, 26 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (COETG) vén de achegar unha serie de datos de interese sobre a inminente desaparición dunha tecnoloxía do pasado que, sen embargo, non o é tanto. Falamos dos TRAC, os Sistemas de Telefonía Rural de Acceso Celular de Tecnoloxía Analóxica, que, por desgraza, aínda están presentes en moitos espazos da Galiza situada lonxe das cidades (e non tan lonxe). Pois ben, segundo informa o devandito Colexio, a substitución das ditas infraestruturas é xa inminente, afectando o seu reemprazamento a unha importante cantidade de liñas concentradas na súa meirande parte nas zonas rurais da nosa terra.
Deste xeito, o COETG lémbralles a todos os usuarios destes sistemas que o vindeiro martes 30 de setembro remata o prazo para presentar as solicitudes que garantan a substitución deste sistema por outro, que contará cun servizo de voz e acceso funcional a Internet. Con todo, advirte, “se a solicitude se fai logo desa data, e até finais de 2009, o cambio, que será acometido polo operador asignado, será de balde pero non garante a continuidade nin o bo servizo da comunicación (mantemento do número de teléfono, solución de avarías, etc)”.
Como dixemos, a cuestión do reemprazamento das ditas liñas afecta de xeito considerable a Galiza, onde hai moitas zonas de rural que se verán sometidas a este proceso de substitución.
Este operativo”, finaliza o órgano galego, “entra en conexión co proceso de dixitalización que se está a desenvolver, atendendo á necesidade de realizar unha planificación e un despregue importante de infraestruturas para garantir que todas as conexións á rede telefónica pública fixa lles posibiliten aos seus abonados o acceso funcional a Internet”.

PUBLICIDADE