O CPEIG aposta por un 2018 de meirande progreso tecnolóxico, máis vocacións STEM e máis seguridade TIC

luns, 18 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

O ano 2017 está a ser un dos anos máis importantes para a actividade do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG). Por que motivo? Pois, entre outras cousas, porque se celebran os dez anos da súa importante andaina defendendo a profesión informática na nosa terra e impulsando os avances tecnolóxico-dixitais da sociedade, das empresas e das administracións. As accións conmemorativas xa comezaron hai tempo, este 2017, pero neste remate de ano están a coller un significado especial. Para falar de todas estas cousas xuntámonos con Fernando Suárez, presidente do CPEIG, e isto foi o que nos contou do pasado, do presente e, sobre todo, do futuro da entidade profesional.

-Nesta recta final de ano queríamos insistir un chisco máis na celebración dos vosos dez anos de vida. A nós ocórrensenos moitos motivos para facelo (lembrar esta celebración), e a vós, as/os representantes do colexio, seguro que unhas cantas máis. Fernando, cóntanos brevemente que significa para vós esta celebración deste ano, 2017, que está xa a piques de rematar.
-Como ben dis, non se cumpren dez anos todos os días. Para nós é motivo de ledicia e orgullo acadar esta cifra e criamos que cumpría un repaso á nosa traxectoria, pero non dun xeito “cpeigcéntrico”, senón analizando de forma paralela os avances tecnolóxicos a nivel mundial e galego e contrapoñéndoos cos principais fitos do CPEIG. Se Gardel dicía que “20 anos non é nada”, no noso sector 10 son unha barbaridade. Non hai máis que recordar que xusto no ano de creación do Colexio naceu o iPhone, que parece levar toda a vida entre nós.
Creo que o principal éxito do Colexio nestes anos é constituírse como un dos nexos do sector, colaborando con outros actores fundamentais como o Cluster TIC, Ineo, os centros tecnolóxicos e moitas das empresas tecnolóxicas que teñen presenza na nosa Comunidade. Nesta celebración, tivemos a enorme fortuna de contar con moitos destes “amigos”, que nos axudaron a facer este percorrido histórico polas TIC na nosa comunidade, podendo amosar a altísima calidade dos proxectos e dos profesionais que están a liderar os cambios que a informática incorpora á nosa sociedade en todos os seus ámbitos.

-Que vos agarda aos membros do CPEIG a longo dos vindeiros anos?
-Sobre todo, moito traballo. Creo que o Colexio ten corda para rato e que, se ben é moito o acadado ata o de agora, aínda queda moito traballo por levar a cabo. Por exemplo, continuamos a reivindicar sen descanso (somos teimudos, como di o anuncio) a regulación da nosa profesión para situala ao nivel do resto de enxeñarías, pero non só co fin da defensa da mesma e dos seus profesionais, senón principalmente, para garantir a seguridade e transmitir a confianza á sociedade nos medios electrónicos. Estes son cada vez máis empregados para as nosas relacións, xa sexan a nivel persoal, laboral ou coas administracións. É fundamental que todos sexamos capaces de empregalos con soltura e confianza, con independencia da nosa formación, idade, sexo ou situación social. Os próximos anos continuaremos traballando para que o progreso tecnolóxico sexa unha realidade e poidamos deixar de empregar o adxectivo “electrónica” en moitas das nosas transaccións, para que isto sexa o habitual.

-Tendes algunha actividade máis para o que resta de ano, divulgativa ou conmemorativa?
Estamos a rematar o Curso Superior de Administración Electrónica, en colaboración con AMTEGA e EGAP, con grande éxito de participación, xa que tivemos máis de 400 solicitudes para as 70 prazas ofertadas. Tamén lideramos en Galicia, un ano máis, a iniciativa Hora do Código (horadocodigo.gal) para levar charlas sobre programación ás escolas galegas. Temos moi avanzado un novo convenio coa AMTEGA, con foco na estimulación das vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e na busca de talento. E temos pendente pechar a colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, para unha nova edición do programa Navega con Rumbo, que sempre digo que é a iniciativa máis satisfactoria de todas cantas levamos desenvolvidas.

-Estes días vimos de reflectir uns datos de Adecco nos que se dá conta, novamente, da importancia das enxeñarías en Informática dende o punto de vista de oportunidades laborais. Segundo se fai saber, as as enxeñarías TI lideran hoxe a demanda de emprego das empresas en España, por diante de todas as demais. Que opinión che merece isto? É un síntoma da profunda revolución tecnolóxica que estamos a vivir, e moitas veces sen decatarnos das súas implicacións?
-Xa ao principio da andaina do CPEIG elaboramos un estudo da situación laboral da nosa profesión, no que as cifras de empregabilidade eran extremadamente altas (preto do 95 %), nun momento en que a crise económica comezaba a despuntar. E mesmo a pesares desta, os índices de demanda de profesionais mantivéronse constantes. O problema a día de hoxe é que a demanda de profesionais está por riba da oferta, coas dificultades que iso implica para as empresas, que cada vez precisan máis empregados con coñecementos e competencias tecnolóxicos.
Obviamente, nos sentimos orgullosos e privilexiados de vivir este auténtico cambio de era promovido polo auxe tecnolóxico, do que a sociedade se empeza a decatar dun xeito positivo, por todos os beneficios que pon en xogo.

-Na pregunta anterior deixamos vía libre para reflexionar, tamén, nos porqués da escaseza de mulleres na profesión e, previamente, nos estudos universitarios relacionados coas novas tecnoloxías. Como é posíbel que, tendo en conta a importante demanda profesional de enxeñeiras/os en Informática que existe dende as empresas, unha demanda que seguirá a medrar no futuro (ao que cómpre engadir as moitas posibilidades laborais e creativas que achega esta profesión), non haxa máis mulleres apostando por este tipo de carreiras?
-Este é o grande cabalo de batalla que temos non só no Colexio, senón en todo o sector. Non é algo particular de Galicia ou España, senón que é un problema a nivel mundial, xa que con taxas inferiores ao 15 % de matrículas femininas en carreiras como a Enxeñaría en Informática, e o que é peor aínda, esta cifra vai en descenso, estamos a perder case a metade do talento da nosa sociedade. Posiblemente haxa varias causas que o xustifiquen, como a dificultade de transmitir en que consiste a profesión. Fáltanos unha serie ou película cunha personaxe protagonista que transmita atractivo por unha profesión na que podes desenvolver a túa actividade en ámbitos tan heteroxéneos como a educación, a sanidade, o deporte, o cuidado asistencial, a arquitectura, o xornalismo..., xa que en todos eles hai ferramentas informáticas. Existen unha serie de variables que inflúen nos alumnos á hora de elixir o seu itinerario formativo e que non dependen unicamente do propio alumno, senón que tamén se estenden á contorna próxima, ao eido educativo e ao ecosistema social. Alá polos anos 80, cando se popularizou o PC, os anuncios do mesmo estaban dirixidos a un público maioritariamente masculino. Aínda estamos a pagar as consecuencias diso, xa que moitos dos destinatarios daquela publicidade son hoxe pais, orientadores, educadores..., que teñen interiorizado un sesgo de xénero sobre a tecnoloxía.
Cómpre, por tanto, transmitir unha imaxe diferente do papel que deben xogar os profesionais do sector. Dende o CPEIG traballamos sen descanso para reverter esta situación colaborando en iniciativas como ICT Go Girls, Rapaciñ@s ou cos premios Ada Byron que concedemos anualmente co fin de xerar referentes femininos para as nosas rapazas.

Un intre do acto de celebración dos dez anos do CPEIG celebrado os días pasados en Compostela

-Seguiredes a traballar tamén na divulgación tecnolóxica entre a nosa rapazada? Por que credes que ten tanta importancia achegar o máximo posíbel as novas tecnoloxías ás novas xeracións, non só a nivel de uso, senón tamén de implicación directa (programación para crianzas, robótica, desenvolvemento de páxinas web, xogos, etc)?
-Hai unha frase de Mandela que me encanta: “O futuro dunha nación é tan prometedor como a próxima xeración de cidadáns”. Estamos ante cambios sen precedentes na historia da humanidade, como o cambio de modelo económico cara a unha economía baseada no coñecemento ou a introdución das TIC no tecido produtivo coa denominada “Industria 4.0”. Pero o que realmente resulta fundamental e non debemos esquecer en ningún momento é que son as persoas a chave no cambio que estamos a vivir, e non a tecnoloxía por si mesma. Temos a responsabilidade de preparar aos nosos rapaces para o mundo que herdarán de nós; un mundo no que a tecnoloxía estará (xa o está) presente en todos os ámbitos do noso día a día. Debemos ser conscientes, xa que logo, nunha economía do coñecemento, os recursos máis importantes son persoas talentosas que podemos educar e atraer ao noso país. A economía do coñecemento pode medrar máis, crear mellores empregos e ofrecer unha mellor calidade de vida para todos.
Nesta reforma da educa­ción debemos ter en conta cales serán as competencias máis demandadas nun futuro próximo. Entre elas, destacan as coñecidas “soft skills”, como resolución de problemas, pensamento crítico, creatividade, xestión de equipos, intelixencia emocional, xuízo e toma de decisións e flexibilidade cognitiva. E, tal vez por riba de todas estas, destacaría a formación ética e en valores.

-Como se atopa neste intre o proceso iniciado polo CPEIG e as restantes entidades análogas autonómicas e estatais para conseguir o debido e axeitado recoñecemento da profesión, a Enxeñaría en Informática, por parte da Administración central (unha falta de recoñecemento que implicaba a non equiparación da Enxeñaría en Informática con respecto ás restantes enxeñarías)?
-Esta é unha carreira de fondo, xa que non son cambios sinxelos. Como ben apuntas, é un proceso no que o CPEIG participa de forma directa a través do Consejo General de Colegios de Ingeniería en Informática, onde ostenta a vicepresidencia. O cambio pasa pola aprobación da Lei de Servizos e Colexios Profesionais, lei que leva pendente de aprobación e con distintos borradores de contidos, xa 4 lexislaturas. Nela se establecerá un novo modelo de prestación dos servizos profesionais, ademais de acometer unha profunda reforma do funcionamento dos Colexios. Para nós é unha oportunidade importante de acadar a tan ansiada regulación profesional, entendendo esta como unha garantía para a sociedade ante un comportamento neglixente. Estamos en continuas conversas co Goberno, a través dos distintos departamentos, para tentar transmitirlles a relevancia que ten a Enxeñaría en Informática en actividades nas que é fundamental asegurar a seguridade física e xurídica das persoas e que, en consecuencia, estas actividades sexan lideradas por persoas con competencias e coñecementos acordes a esa responsabilidade. Somos moderadamente optimistas de que conseguiremos o noso fin, aínda que os prazos, como apuntaba, son moito máis longos do que todos nos desexariamos.

PUBLICIDADE