O CPEIG celebra a súa Noite e entrega os premios da profesión ante 350 convidados

venres, 28 de xuño do 2019 Redacción

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou hoxe a súa XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia cunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Preto de 350 convidados asistiron ao gran evento do sector TIC en Galicia, entre representantes as empresas e profesionais do sector tecnolóxico, da administración pública, e do ámbito universitario, entre os que destacan a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Juan Cividanes; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; entre outros.
O evento tivo como mestre de cerimonias ao actor compostelán Luis Zahera, que amenizou a gala e presentou a entrega dos premios anuais do CPEIG. Contou coa actuación musical de mítica banda La Unión, grupo de pop e new wave español creado na década dos 80 e coñecida internacionalmente polo seu tema Lobo hombre en París, con máis de tres millóns de discos vendidos, recibindo en 2006 un dobre disco de diamante pola súa carreira discográfica.
Segundo lembra o colexio, a Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende “mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros e enxeñeiras en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”. A celebración contou con todo tipo de actividades destinadas a garantir a diversión dos asistentes, como un sistema de realidade aumentada con Chroma Key, lentes de realidade aumentada, un espectáculo de maxia de cerca e diversos sorteos.
Como reflexión sobre o que aconteceu no último ano no sector TIC e marcar os eixos da súa evolución futura, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, explicou na súa intervención que “a tecnoloxía e as persoas compoñen a ecuación da Sociedade da Información, e a súa progresión dependerá de cuestións como vocación, actitude e talento”. Salientou que esta dixitalización ten “xa un impacto positivo”, achegando respostas a retos sociais e ambientais, mellorando radicalmente a calidade de vida das persoas, a produtividade dos negocios e o crecemento da economía.
Alén das oportunidades desta revolución dixital, Fernando Suárez indicou que xorden tamén grandes desafíos, como a fenda dixital, o impacto nos empregos e na educación, o uso axeitados dos datos, a seguridade, a privacidade, ou a distribución da riqueza. O presidente manifestou que para dar resposta a estes retos “son precisos valores e doses de humanismo, xa que todo debe xirar ao redor dos dereitos e obrigas das persoas no mundo dixital”. E engadiu: “Ata agora, o ser humano adicou moito esforzo a aprender a linguaxe das máquinas e poder comunicarse con elas e agora chegou o momento de que sexan as máquinas as que aprendan a linguaxe dos humanos”.
A estas oportunidades e desafíos dos avances tecnolóxicos súmanse os principios de xustiza, atribución de responsabilidade e asimetría, transparencia, ética, educación e diversidade. “Só guiándonos polos valores e a ética poderemos capturar todo o potencial da tecnoloxía para construír unha sociedade mellor, máis inclusiva e xusta”, dixo.
E para o futuro, Fernando Suárez compartiu cos asistentes tres desexos: que a tecnoloxía forme parte integral da sociedade para incrementar a calidade de vida da poboación; que Galicia e España invistan máis en I+D+i para converterse en líderes de Europa e ponte con Latinoamérica e África, ademais de investir en formación, atracción e retención do talento, actualización do sistema educativo centrándose nas STEM e fomento da creatividade e innovación; e que cada vez haxa máis nenos e nenas que queiran se enxeñeiros, investigadores, inventores ou innovadores en tecnoloxía.
O presidente agradeceu o apoio incondicional do sector á Noite, profesionais e empresas que coa súa presenza axudan a facer máis visíbel a Enxeñaría en Informática, unha profesión que asegurou ten un “crecente impacto na vida das persoas, na creación de riqueza e no desenvolvemento económico do país”. Na súa opinión, “as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática compartimos a profesión máis social que existe, porque estamos obrigados a entendernos con expertos de todos os ámbitos”.
Os premios
Foron dez as distincións anuais que se entregaron hoxe na XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.
Fernando Suárez sinalou que as persoas, empresas e institucións hoxe distinguidas están a consolidar a Sociedade da Información en Galicia, e subliñou que o colexio está especialmente orgulloso da calidade dos galardoados, “proba do excelente estado do noso sector TIC dentro e fóra das nosas fronteiras”.
O director xeral de Mobile World Capital Barcelona –Carlos Grau–, a enxeñeira Mónica Fernández Bugallo, o director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) – Carlos Vázquez Mariño–, o enxeñeiro informático Óscar Blanco, o proxecto El Camino de los Satélites, o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, o Club Financiero Atlántico da Coruña, Hijos de Rivera, a asociación Alastria, os Talleres e Axudas á Dixitalización promovidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e as empresas Altia e Everis son as persoas, organismos ou entidades distinguidas nestes premios.
Nomes propios
O CPEIG creou este ano unha nova categoría, o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino que recoñece o labor dun centro de ensino e o seu profesorado en prol da difusión da tecnoloxía entre o alumnado. Na súa primeira edición recaeu no CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos sete centros seleccionados pola UNESCO para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil.
A distinción e-Inclusión foi para El Camino de los Satélites, unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (FUNTESO) destinada a mostrar como as tecnoloxías socialmente responsábeis poden facer accesíbel o Camiño de Santiago a todo o mundo.
O galardón Iniciativa Emprendedora outorgouse ao Club Financiero Atlántico da Coruña polo seu soporte organizativo na Mobile Week Coruña, o evento internacional máis importante da historia de Galicia que se celebrou na Coruña do 21 ao 28 de novembro de 2018.
O Premio Iniciativa Empresarial concedeuse nesta edición a dúas entidades: Hijos de Rivera, polo seu proceso de transformación dixital, e a asociación Alastria polo fomento da economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías descentralizadas/blockchain.
O Premio Ada Byron foi este ano para Mónica Fernández Bugallo (Ferrol, 1975), profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en New York, ademais de directora do Programa Mulleres na Ciencia e a Enxeñaría (WISE–Women in Science & Engineering).
O CPEIG distinguiu co Premio Iniciativa da Administración ao programa de Talleres e Axudas á Dixitalización, promovido polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.
O Colexio profesional recoñece a Traxectoria Profesional de Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O Premio Especial CPEIG como distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio á gala A Noite foi para as compañías Altia e Everis.
O Premio Colexiado de Honra foi para o director xeral de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau Lara, polo seu labor profesional no ámbito da tecnoloxías da información e as comunicacións.
E finalmente, o Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado recaeu no enxeñeiro en informática Óscar Blanco Novoa (A Coruña, 1992) polo seu proxecto Sistema domótico de eficiencia enerxética no fogar con interface de realidade aumentada como traballo fin de Mestrado na Universidade da Coruña.

Fotografía de familia da velada

PUBLICIDADE