O CPEIG celebra o 16 de xuño a novena edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

martes, 30 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Se queríamos falar de novas tecnoloxías, por moitos e variados motivos (porque son xa parte da nosa vida, porque con elas podemos camiñar cara a un mundo mellor e mesmo emendar e corrixir boa parte das problemáticas sociais, ambientais e económicas que sofre o mundo), imos ter oportunidade de facelo, e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, vaise preocupar de achegárnola. Falamos da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que xa vai pola súa novena edición e que este ano ano celébrase o 16 de xuño, novamente en Compostela e novamente acompañada dunha manchea de premios para recoñecer o traballo ben feito dos nosos profesionais en materia dixital.
Trátase, en palabras do CPEIG, do evento TI referente de Galicia (unha faceta que se reforza coa celebración dos dez anos de andaina do CPEIG). Isto que significa? Pois basicamente unha chea de cousas, pero podemos comezar co seguinte: significa a gran festa do noso desenvolvemento en materia comunicativa, empresarial, económica, social, cultural, sanitaria, medioambiental ou xurídica. Alguén dubida aínda a estas alturas de que as novas tecnoloxías o abranguen todo?
Toda a información sobre este evento informático podemos velo xa na web específica anoite.gal. Celebrarase unha vez máis no Hotel Monumento San Francisco, en Compostela, e nel participará novamente unha notábel representación do noso empresariado, dos nosos profesionais e das/os colexiadas/as da devandita entidade profesional. O mestre de cerimonias será o actor e humorista Xosé Touriñán, e está previsto o arrinque da gala arredor das 20.00 horas, co cóctel de benvida. De seguido, arredor das 21.00 horas, procederase a entregar os premios que cada ano convoca o CPEIG e que, como dixemos, diríxense a mostrar os esforzos das nosas entidades, asociacións, profesionais e empresas no camiño de impulsar recursos e servizos tecnolóxicos de especial valor para o noso desenvolvemento social e económico (facendo fincapé, tamén, nas iniciativas, nos proxectos e nos persoeiros que máis e mellor tiveran impulsado e mellorado a profesión da Enxeñaría en Informática na nosa terra). A Noite, trala cea de gala, rematará coa actuación do lendario mago Juan Tamariz.
Os premios, na súa totalidade, son os seguintes: Premio Traxectoria Profesional (a Andrés Xavier García-Rodeja Fraga, director do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC Technology en Galicia), Premio Iniciativa Emprendedora (ás empresas Linknovate e Situm), Premio Proxecto Fin de Carreira, Premio Iniciativa de Administración (á Deputación de Ourense, pola súa iniciativa Ourense Provincia Intelixente), Premio Iniciativa Empresarial (á entidade financeira galega ABANCA), Premio Colexiado de Honra e o Premio Ada Byron (a María José Talavera), dirixido este último a mulleres enxeñeiras en Informática, líderes na adopción da tecnoloxía e, segundo se fai saber nas bases do galardón, “con capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social”.

Foto de familia da edición do ano pasado da Noite do CPEIG

A maiores, igual có ano pasado, convocouse o Premio Iniciativa eInclusión, que irá dar a mans da Cruz Vermella, polo seu servizo de teleasistencia avanzada para persoas maiores ou dependentes (un proxecto impulsado pola Cruz Vermella co apoio técnico de Televés).
Ademais, outorgarase o Premio 10 anos conectad@s a distintas entidades e persoas que ao longo desta década de vida do CPEIG amosaron o seu compromiso coas iniciativas do colexio e da Enxeñaría en Informática.
A entrega destes premios realizarase o día 16 de xuño en Santiago de Compostela, no Hotel Monumento San Francisco, no marco dunha cea de gala á que están convidados diversos persoeiros da vida pública e empresarial galega, aos que cómpre engadir representantes dos nosos ámbitos académico e investigador. A previsión é xuntar a máis de douscentos colexiados/as, xunto con outros convidados/as.
En palabras da entidade profesional que preside Fernando Suárez, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia é “un acto de exaltación do sector e da profesión” e, tamén, “unha gala consolidada mediante a cal o CPEIG visualiza a súa presenza na sociedade galega, o traballo desenvolvido polos enxeñeiros en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas no eido das novas tecnoloxías”. Esta faceta de salientar o traballo desenvolvido (e festexalo) vaise ver fortalecida este ano ao coincidir coas celebracións do décimo aniversario do CPEIG. A Noite, de feito, estase a acompañar neste 2017 dunha longa e completa serie de actos conmemorativos. Por outra banda, os galardóns que se van entregar na gala do 16 de xuño serán, en palabras de Fernando Suárez, presidente do CPEIG, un xeito de agradecer e enxalzar o traballo das persoas ou entidades que “nos apoiaron ao longo desta década baixo o lema 10 anos conectad@s”.

PUBLICIDADE